A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias celebra o Día do Leite con obradoiros de queixos e a visita de 150 escolares
A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) do campus de Lugo da USC celebrará este venres 31 de maio o Día Internacional do Leite cunha xornada de visitas escolares na que se agarda a participación duns 150 estudantes de ensino primario dos colexios María Auxiliadora, Illa Verde, da capital luguesa, e do colexio Poeta Uxío Novoneyra, de Cervantes.
O programa organizado pola Aplta co gallo desta efeméride desenvolveranse en quenda de mañá, a partir das 9.30 horas, e inclúe diversas charlas informativas, un percorrido guiado polas instalacións deste centro lácteo da USC, así como diversos obradoiros de queixería e de elaboración de iogures.
Os escolares que tomen parte nesta actividade lúdica e divulgativa tamén terán a ocasión de participar nunha cata de queixos. Do mesmo xeito que en anos anteriores, os máis pequenos tamén recibirán a visita de Maximus, a mascota do Club Baloncesto Breogán.