Ir o contido principal

A Aula TIC Pemes do Campus de Lugo finalista nos Premios Fundetec 2010 polo seu Proxecto Dinamizadores

O equipo da Aula TIC Pemes de ADE que participa no Proxecto Dinamizadores en Lugo
O equipo da Aula TIC Pemes de ADE que participa no Proxecto Dinamizadores en Lugo
O equipo da Facultade de ADE concorre polo seu labor no asesoramento e formación en ferramentas TIC a Pemes e asociacións

O ‘Proxecto Dinamizadores’ da Aula TIC Pemes do Campus de Lugo acaba de ser proclamado finalista nos Premios Fundetec 2010 na categoría de Mellor Proxecto de Entidade Pública ou Privada destinado a Pemes Microempresas e Autónomos.

Trátase da sexta edición destes premios convocados pola Fundación para el Desarrollo Infotecnológico de Empresas y Sociedad (Fundetec), unha asociación formada coa colaboración da Administración Pública e o sector privado para crear un marco estable, sen ánimo de lucro e aberto á participación de entidades interesadas en potenciar a Sociedade da Información en España e da que forman parte as empresas con máis peso no ámbito español.

O proxecto da Aula dependente da Facultade de Administración e Dirección Empresarial de Lugo, concorre na súa categoría con outras dúas candidaturas, a do Laboratorio Interprofesional Lechero e Agroalimentario de Asturias e a da Plataforma Tecnológica eContainers. O ditame darase a coñecer o vindeiro 3 de febreiro en Madrid nun acto ao que están convidados todos os finalistas. O Proxecto Dinamizadores TIC A través desta iniciativa, un grupo de estudantes de último curso da Facultade de ADE de Lugo asesoran a empresas e asociacións á hora de implantar ferramentas de xestión do coñecemento baseadas na utilización de software libre. Posteriormente, o equipo da aula leva a cabo un proceso de seguimento e apoio á implantación destas ferramentas con actividades de formación e titorías dirixidos ao persoal das empresas. Durante o desenvolvemento do programa os responsables do equipo teñen constatado a necesidade actual de Tecnoloxías da Información e da Comunicación na xestión interna das empresas, ao tempo que ven necesaria unha redución de custes nas Pemes e asociacións sen esquecer o tema da formación. Valoracións A directora da Aula TIC Pemes e profesora da USC, Ángeles López Cabarcos, valorou de xeito moi positivo o feito de ter quedado finalistas e manifestou que “polas edicións de anos anteriores sabiamos que o nivel de concorrencia era moi alto, presentándose este ano un total de 183 proxectos, polo que quedar finalistas é un motivo máis que suficiente para estar satisfeitos”. A directora da aula indica, por outra parte, que este premio recoñece o esforzo de catro anos de traballo e catro edicións do Proxecto Dinamizadores TIC. López Cabarcos manifestou o desexo de seguir apoiando ás empresas na formación e asesoramento en ferramentas TIC aplicadas á xestión empresarial, que é o obxectivo de Dinamizadores e da Aula, única representación galega que está entre os finalistas a este recoñecemento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.01.2011.