Ir o contido principal

A avespa velutina ten un forte impacto negativo nas colonias de insectos polinizadores, alén do seu grao de éxito depredador

Niño de velutinas. FOTO: Pixabay
Niño de velutinas. FOTO: Pixabay
Unha investigación publicada en ‘Communications biology’, do grupo Nature, na que participan Xulio Maside, Damián da Silva e Carolina Bartolomé constata que a estratexia defensiva dos abellóns permítelles resistir os ataques de ‘V. velutina’, aínda que tal acoso mingua a súa saúde e a poboación das súas colonias
Santiago de Compostela

A presenza de avespa velutina provoca importantes efectos negativos nas colonias doutras especies de insectos polinizadores, alén do maior ou menor grao de éxito da súa actividade predadora. Así se constata no artigo ‘Quantifying the impact of an invasive Hornet on Bombus terrestris Colonies’, incluído no último número da revista Communications biology, editada por Nature, no que se recollen os resultados da investigación sobre a convivencia entre estes dous heminópteros realizado nunha ducia de localizacións da provincia de Pontevedra e no que, entre outros, participaron os investigadores do CIMUS da USC Xulio Maside, Damian Da Silva Martis e Carolina Bartolomé. Tamén participan no estudo Salustiano Mato, catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e a investigadora Sandra Rojas, pertencentes á UVigo.

O traballo liderado polo investigador británico Thomas O'Shea-Wheller, da University of Exeter, aborda as repercusións que provoca a V. velutina noutras colonias de insectos distintas ás abellas melíferas, á marxe da propiamente dita acción predadora. De feito, para a realización deste experimento, os investigadores decantáronse polo abellón (Bombus terrestris), unha especie de insecto heminóptero que demostrou contar con boas habilidades para defenderse da V.velutina, aínda que iso non foi suficiente para liberarse das consecuencias negativas derivadas desta situación de acoso.

A diferenza da maioría dos estudos xa publicados sobre a V. velutina, a investigación recollida en Communication biology pon o foco na ameaza real que representa a avespa asiática para unha gran variedade de especies polinizadoras, e non só na mortalidade que provocan os seus ataques nas poboacións de abellas melíferas, salienta Maside.

Para a realización deste estudo, no que a USC tivo unha participación activa nos labores de análise, os investigadores do CiMUS soltaron varias colonias de abellón nunha ducia de enclaves da provincia de Pontevedra, onde tamén colocaron cámaras de vídeo, a través das que puideron visualizar o comportamento e as reaccións dos abellóns ante ataques de V. velutina ou, simplemente, cando estas se atopaban ao seu redor.

As imaxes captadas deixan constancia das eficaces estratexias defensivas dos abellóns fronte á V. velutina, sinala Maside, para logo engadir que nada máis percibir a presenza da avespa asiática, o abellón enróscase a xeito de bola e deixase caer ao chan, o que provoca que o depredador abandone o seu ataque.

A forte capacidade de resiliencia dos abellóns fronte á V. velutina explica o reducido número de exemplares deste heminóptero capturados pola avespa asiática, que se alimenta deste e doutras moitas especies de insectos. Aínda así, a pesar do reducido número de abellóns mortos por mor da acción das velutinas, o traballo de experimentación desenvolvido no marco deste estudo serviu para comprobar outros dos múltiples efectos negativos que provoca a V. velutina nas poboacións de insectos polinizadores, xa que a presenza deste depredador afecta a súa saúde e tamén se traduce dunha diminución do número de individuos que conforman as súas colonias.

Daquela, relata Xulio Maside, os resultados acadados no estudo agora publicado pola editorial Nature revelan que o impacto negativo que provoca a avespa asiática sobre as poboacións de insectos polinizadores tradúcese en múltiples consecuencias e ten uns efectos moi superiores aos sospeitados até agora.

Esta realidade, que afecta cada vez a máis territorios de todo o mundo, aos que se expandiu a V. velutina, adquire se cabe unha maior relevancia no actual contexto de grave decadencia das poboacións de insectos polinizadores, sinala Maside, que considera que a progresiva desaparición destes insectos é consecuencia directa da actividade humana (agricultura extensiva, pesticidas, destrución de hábitats…) e tamén se debe, aínda que de xeito indirecto, aos efectos do cambio climático.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.10.2023.