A AVTE lanza un programa de estímulo á transferencia en Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas
O programa ‘Estímulo á transferencia de coñecemento en Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas’, promovido pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), e financiado polo Banco Santander, ten coma obxectivo facilitar a transferencia de resultados de investigación, xerados polos grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, ao mercado. Baixo esta premisa e ata o 9 de febreiro de 2024, poderán concorrer a esta convocatoria proxectos que conten cunha traxectoria previa de investigación e que presenten unha oportunidade de aplicación económica ou social dese novo coñecemento.
Dende a AVTE subliñan que “a transferencia de coñecemento dende a universidade á contorna económica e social ten unha considerable traxectoria no ámbito das Ciencias Experimentais e as Tecnolóxicas. Con todo e a pesar da falta de programas específicos de transferencia nas áreas de Ciencias Socias, Humanas, Xurídicas, e Artísticas, cada día ponse máis de manifesto o potencial de transferencia destas disciplinas”.
O proxecto presentado deberá identificar elementos críticos que, de ser abordados, permitan activar o proceso de transferencia e conter un potencial destinatario ou colaborador no proceso de transferencia que estea disposto a asumir compromisos. O orzamento solicitado debe ser acorde coas actividades e obxectivos propostos As iniciativas contarán dende o primeiro momento co asesoramento do persoal técnico da AVTE e o seu financiamento será de ata 20.000 euros cunha duración de entre tres e nove meses. A inscrición pode formalizarse en liña. A documentación que se ten que presentar atópase nas bases da convocatoria e debe enviarse a sabela.lopez.figueiras [at] usc.es (sabela[dot]lopez[dot]figueiras[at]usc[dot]es) e lydia.fernandez [at] usc.es (lydia[dot]fernandez[at]usc[dot]es).