Ir o contido principal

Unha biblioteca, unha exposición, moitos mundos

Cristina Durán dedicando un exemplar do catálogo de Viñetas de vida á Biblioteca Internacional da Diversidade Cultural (Foto: CampUSCulturae)
Cristina Durán dedicando un exemplar do catálogo de Viñetas de vida á Biblioteca Internacional da Diversidade Cultural (Foto: CampUSCulturae)
‘Viñetas de vida’ móstrase ata o 23 de xullo na Biblioteca Internacional campUSCulturae da Diversidade Cultural

Coordinada por Oxfan Intermón, a exposición ‘Viñetas de vida’ recala na Biblioteca Internacional da Diversidade Cultural da man do proxecto campUSCulturae da Universidade de Santiago. Ilustradores e ilustradoras que fan do cómic unha arma cargada de presente e de futuro; a diversidade cultural reunida na obra dos principais autores e autoras de cómic que actualmente desenvolven o seu traballo en España: o galego David Rubín, o catalán Miguel Gallardo, os valencianos Miguel Angel Giner e Cristina Durán, esta última encargada de inaugurar esta exposición en compañía de Maica Beltrán, representante territorial de Oxfan Intermón en Galicia e de Xosé A. Neira Cruz, coordinador do proxecto campUSCulturae. A exposición está organizada nos dous andares da Biblioteca Internacional da Diversidade Cultural. Na planta baixa atópase en paneis a reprodución completa dos cómics que compoñen a mostra, mentres que na alta se sitúan os cadernos de viaxes que cada artista confeccionou ao longo de viaxes solidarias a Nicaragua, Burundi, República Dominicana ou Haití, paso previo á realización dos seus traballos finais e verdadeiro mostrario para entender como desenvolve o seu traballo un autor ou autora de cómic. ‘Viñetas de vida’ permanecerá na Biblioteca Internacional da Diversidade Cultural ata o vindeiro 23 de xullo, en horario de 10.00 a 13:30 e de 16:30 a 19.00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.06.2015.