Ir o contido principal

A biodiversidade e o patrimonio dos Ancares lugueses, a debate en Cervantes no marco dun curso de verán da USC

Logo da Universidade de Verán 2017 da USC
Logo da Universidade de Verán 2017 da USC

‘Biodiversidade e patrimonio nos Ancares lucenses: Pasado, presente e perspectivas de futuro’ é o título do curso incluído na programación da Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do 13 ao 16 de xullo en Piornedo de Ancares, no concello de Cervantes. Estruturado en 26 horas lectivas e aberto á participación dun máximo de 30 persoas, este programa estival de formación e divulgación científica, está dirixido polos profesores Augusto de Castro Lorenzo e Elena Freire Paz.

Os obxectivos deste programa incluído na Universidade de Verán 2017 da USC e que conta con financiamento da Deputación Provincial de Lugo, pasan por achegar formación ao público asistente para que, a través da súa acción, contribúan a conservar e promover o desenvolvemento socioeconómico, utilizando a biodiversidade e o patrimonio cultural como obxectos de estudo e aproveitamento.

A exposición e o debate de experiencias xa desenvolvidas en todo o que atinxe á xestión da montaña galega ou a áreas con características semellantes, ademais de mostrar as posibilidades didácticas que ofrece a montaña ancaresa son outros dos cometidos que pretenten os promotores deste seminario estival da USC.

Estruturado en relatorios, obradoiros, itinerarios pola natureza e sesións cunha orientación máis práctica, as directoras deste foro estival da USC convidaron a participar como relatores no mesmo a diferentes expertos que, ao longo das distintas xornadas do curso abordarán a vida nos Ancares a mediados do século XX, os valores arqueolóxicos nas serras orientais luguesas, a palloza como exemplo de bioconstrución, apicultura tradicional, odonatos da montaña luguesa, música popular, monte en man común ou tratarán o tema do lobo e a pegada deste félido nos Ancares.

As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 30 de xuño.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2017.