Ir o contido principal

Bota a andar o proxecto Spin-Up, de impulso de novas iniciativas empresariais

Na presentación participaron representantes das institucións e entidades involucradas. Foto: Santi Alvite
Na presentación participaron representantes das institucións e entidades involucradas. Foto: Santi Alvite
O obxectivo deste proxecto europeo é estimular a creación de empresas a través da transferencia de tecnoloxía das universidades e do tecido empresarial
Lugo, Santiago de Compostela

Estimular a creación de empresas a través da transferencia de tecnoloxía das universidades e do tecido empresarial para a creación de novas empresas. Este é o obxectivo principal do proxecto europeo Spin_Up, liderado pola incubadora de empresas da USC Uninova, que se presentou en Santiago este luns 25 nas instalacións do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Coa previsión de que a iniciativa poida ofrecer apoio a 40 proxectos, a creación de 20 empresas spin-off ou start-up e xerar 40 postos de traballo de calidade, o proxecto busca o fomento da colaboración e complementariedade entre o mundo empresarial, a universidade e a administración na euro rexión Galicia- Norte de Portugal.

O reitor Antonio López presidiu o acto de presentación no que tamén participaron o secretario xeral da Consellaría de Economía, Emprego e Industria, Borja Verea Fraiz; María Pais Fajín, en representación do Comité Executivo da Cámara de Comercio de Santiago; o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Albores; o coordinador e membro do Consello de Xestión de ANJE, Nuno Ferreira; e o xestor de proxectos e tecnoloxías da Universidade de Porto, Filipe Castro. Deseguido o vicerreitor de Investigación e Innovación en calidade de conselleiro delegado de Uninova, Vicente Pére Muñuzuri, presentou os detalles deste proxecto.

O conferenciante Javier Cebreiros impartiu a continuación unha intervención que explora a importancia da comunicación para o emprendemendo. Doutor en Comunicación, Cebreiros colabora, entre outros, con medios de comunicación como Televisión Española (TVE) ou Atresmedia. Por outra parte, imparte formación en varias empresas, entre elas, INDITEX. Ademais, Javier Cebreiros é autor do libro Olvida tu lenguaje corporal, que acadou xa a súa quinta edición.

Outras entidades socias do proxecto son o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Asociación Área Empresarial do Tambre, a Universidade do Porto e ANJE (Asociación Nacional de Jóvenes Empresarios).

A xornada desenvolveuse no CiMUS). Foto: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2019.