Ir o contido principal

Buscan novos recubrimentos ecolóxicos para barcos que permitan reducir custes

Grupo de Acuicultura e biotecnoloxía mariña, coa profesora Ana Otero no centro
Grupo de Acuicultura e biotecnoloxía mariña, coa profesora Ana Otero no centro
O Grupo de Acuicultura Mariña e Biotecnoloxía da USC participa no proxecto internacional ByeFouling

O Grupo de Acuicultura Mariña e Biotecnoloxía do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC participa no proxecto internacional ByeFouling que, cun financiamento da UE de 7,5 millóns de euros, busca novos recubrimentos anti-incrustantes ecolóxicos para aplicar en barcos e noutras estruturas mariñas suxeitas a colonización biolóxica. O fenómeno da bio-incrustación é responsable da perda anual de millóns de euros xa que a adhesión biolóxica no casco dos barcos ocasiona un incremento de ata o 40% no consumo de combustible, que conleva ademais unha maior emisión de CO2. O obxectivo do proxecto, entón, é desenvolver e producir a grande escala recubrimentos de baixa toxicidade. En ‘ByeFouling (Materiais anti-incrustantes ecolóxicos de baixo custe)’, que acaba de comezar os traballos, o equipo da USC que lidera a profesora Ana Otero participa xunto con outros 18 grupos de investigación e empresas de Noruega, Alemaña, Bélxica, Suecia, Israel, Grecia, Portugal e Malta. Todos eles explorarán a viabilidade de produción industrial de novos recubrimentos baseados en materiais inhibidores da adsorción de proteínas, biocidas naturais e o uso de microorganismos con actividade anti-incrustante. Experiencia contrastada Concretamente, o grupo que dirixe a profesora Otero achegará a súa experiencia nas súas dúas principais liñas de investigación, a biotecnoloxía de microalgas e a comunicación bacteriana. Por unha banda, realizarán estudos de presenza de biocidas na biomasa de microalgas mariñas e, por outra, buscarán novos compostos inhibidores da comunicación que bloqueen a formación das biopelículas bacterianas e que constitúen a primeira fase do proceso de bioincrustación. Os compostos e enzimas identificados neste estudo poderán ter ademais aplicación noutros campos nos que estea involucrada a formación de biopelículas bacterianas, como o deterioro de monumentos e a formación de placa dental.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.01.2014.