Buscan en Santiago biocatalizadores que fagan máis sustentables os procesos industriais
Máis de cen investigadores chegados de diversas partes do mundo discuten nun congreso científico esta semana, os días 14 e 15, as novidades na procura de biocatalizadores que poidan complementar ou substituír os procesos industriais máis convencionais procurando así unha maior sustentabilidade. A inauguración do evento terá lugar este martes 14 ás 13:00 no Salón de Actos da escola nun acto presidido polo reitor da USC, Juan Casares Long, que compartirá mesa con Angel Martínez, do CIB-CSIC de Madrid, e coa profesora María Teresa Moreira, do Departamento de Enxeñaría Química da USC. Múltiples sectores implicados A aplicación deses biocatalizadores abranguen diferentes sectores como a madeira e pasta de papel, a fabricación de tecidos textís, o deseño de novos fármacos... Desde xeito, os relatorios abordan o seu deseño e aplicación dende o punto de vista da bioloxía molecular, a enzimoloxía, a enxeñaría bioquímica, a enxeñaría química e a enxeñaría ambiental. No Workshop ‘Oxidative Enzymes as sustainable industrial biocatalyst – OESIB2010’ participa persoal científico de Alemaña, Austria, Dinamarca, España, Finlandia, Francia, Holanda, Irlanda, Italia, Portugal, Suecia, UK, Chile, Colombia, Brasil, EE.UU., Mexico e Rusia. O congreso está organizado polos profesores do Departamento de Enxeñaría Química Gumersindo Feijoo Costa e Maria Teresa Moreira Vilar.