Buscando na historia o freo para o caos ambiental
Afianzar propostas eco-agro-innovadoras que axuden no tránsito do territorio cara a prácticas máis sustentables é o eixo que vertebra a acción do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un proxecto no que toma parte o grupo de investigación HISTAGRA da USC e que xunto á Fundación RIA presentou este venres a publicación Cando eramos sostibles. Aprendendo no Barbanza as claves do futuro. A obra recolle as conclusións do primeiro ano de investigación do Laboratorio para poñer en valor as formas de manexo do territorio levadas a cabo historicamente polas comunidades locais e impulsar, deste xeito, iniciativas na rexión que se rexan polos mesmos principios de sustentabilidade. A través do aproveitamento sostible, tal e como sinala a obra, os montes poden ser menos proclives tanto aos lumes como a outros problemas ambientais, alén de converterse en espazos máis biodiversos e multifuncionais.
“Non se trata só de reconstruír a memoria da comunidade, senón de pensar nela en termos de transición ecosocial: que hai do pasado que poidamos recuperar para contribuír a unha transición socioecolóxica”, explicou o catedrático da USC e investigador principal de HISTAGRA, Lourenzo Fernández Prieto no acto de presentación da obra que se desenvolveu no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia e que estivo presidido polo reitor Antonio López. Alén de Fernández Prieto, tomaron parte no acto o presidente da Fundación RIA, David Chipperfield; e o director da Fundación Banco Santander —entidade que cofinancia o proxecto—, Borja Baselga. O editor da publicación Adrián Capelo tamén interveu no acto xunto ao coordinador da Fundación, Manuel Rodríguez.
Metodoloxía
A investigación realizouse a través do baleirado de arquivos e fondos documentais, visitas de campo e, especialmente, coa fonte oral, realizándose 56 entrevistas, das que derivaron 300 fragmentos que están depositados no repositorio dixital https://www.terraememoria.usc.gal/. “A sistematización do proceso, a selección das preguntas, a escolla das metodoloxías e focalizar a ollada na sustentabilidade foron as nosas chaves para traballar coas fontes máis axeitadas, para extraer a información que se materializa en coñecemento na publicación”, explican dende o Laboratorio. De todo este proceso, extráense leccións coas que amosar posibles achegamentos a cuestións económicas, sociais e ambientais que son relevantes alén deste territorio. “As propias comunidades locais deben ser protagonistas dun camiño que a ollos da realidade actual se amosa imprescindible. A transición ecosocial é unha aposta para evitar o caos ambiental”, continúan os investigadores.
Na primeira fase do proxecto identificáronse os trazos do manexo sustentable e orgánico do agro que se manteñen na actualidade e, a través da memoria labrega, os saberes que explican eses manexos do territorio. Tamén se definiron as inercias perturbadoras da sustentabilidade que arraigaron no pasado. O resultado da indagación representouse nunha cartografía de manexos históricos do territorio coa que se dá conta das interdependencias, dos canais de comercialización, da relación do común coa casa e daquelas pegadas históricas que poidan axudar a xerar uns novos imaxinarios partindo da reconstrución e da valoración histórica das comunidades e do rastrexo dos manexos dos agroecosistemas.
Interdependencia
“As ameazas derivadas do quecemento global salientan a necesidade urxente de mudar as relacións do ser humano coa natureza”, reivindican dende o Laboratorio. “Os valores, imaxinarios e éticas asociadas ao extrativismo e ás teorías desenvolvementistas deben ser reconfiguradas. Non existe o crecemento infinito e tampouco o éxito é puramente individual, somos interdependentes e cooperativos. As interaccións sociais non deben ter como única medida o mercado”, engaden. O proxecto pon o foco na herdanza e no legado que se deixa ás xeracións futuras como exercicio de corresponsabilidade. “A alternativa pasa por facilitar mecanismos que revertan o colapso”, afirman.
A publicación Cando eramos sostibles. Aprendendo no Barbanza as claves do futuro foi escrita de xeito colaborativo polos investigadores Lourenzo Fernández Prieto, David Soto, Fran Quiroga, David Fontán e Ricardo Suarez, alén de ser editada pola Fundación RIA, grazas ao traballo dos editores Manuel Rodriguez e Adrian Capelo. A obra conta cun deseño de infografías e planos que ilustra os procesos de mudanza que teñen acontecido nos últimos douscentos anos na península do Barbanza. Esta publicación que está accesible en galego, castelán e inglés pode descargarse dende a web https://barbanzaecosocial.org/gl/paxinaprincipal/ e foi editada en creative commons, co compromiso de devolver o aprendido ás comunidades nas que se realizou a investigación. O proxecto contou tamén coa colaboración da Cátedra Juana de Vega.
Convocatoria de proxectos semente
A segunda fase do Laboratorio Ecosocial do Barbanza iniciarase cunha convocatoria de “proxectos semente”. Trátase de dar un primeiro impulso á posta en marcha de iniciativas locais que se rexan polos principios de sustentabilidade identificados durante a investigación. Tres “proxectos semente” serán seleccionados mediante unha convocatoria aberta a todo o Barbanza, outorgándoselles un financiamento de 5.000 euros a cada un deles. Con esta iniciativa, convídase as entidades públicas e privadas a que acompañen ao Laboratorio Ecosocial do Barbanza na posta en marcha, amplificación e replicación deste tipo de iniciativas. A través do enderezo electrónico info [at] barbanzaecosocial.org (info[at]barbanzaecosocial[dot]org) poderán enviarse ideas preliminares de proxectos, coas que se quere establecer un diálogo para incorporar achegas ao proceso de selección e resolver dúbidas dos interesados. Nun prazo aproximado de dúas semanas, publicaranse as bases da convocatoria e abrirase de modo formal o proceso de presentación de proxectos durante un mes de duración.