O Campus de Santiago acada o maior número de doantes de sangue en dez anos na primeira fase da campaña deste curso
O Campus de Santiago rexistra, con 1.397 doazóns de sangue, a mellor taxa dende o ano 2000 durante a primeira fase da campaña que o Centro de Transfusión de Galicia realiza nas universidades galegas ao longo do curso académico. Entre os meses de outubro e decembro, os centros da Universidade de Santiago rexistraron 1.731 doazóns de sangue, das que 1.397 corresponderon ao campus compostelá e 334 ao de Lugo. Concretamente, en Santiago houbo 209 doantes máis que no mesmo período do curso pasado, 2009-2010, no que rexistraron 1.186 doazóns de sangue. Na mesma liña, no campus de Lugo tamén se obtiveron mellores resultados, ao acadar os 334 doantes fronte aos 296 logrados entre outubro e decembro de 2009. Neste contexto, cabe salientar especialmente a situación dos centros universitarios lugueses, onde se veñen acadando as 130 doazóns por cada mil alumnos, trinta máis que no cómputo total das universidades galegas, que rexistran, como media, 100 doantes por cada mil estudantes. As doazóns realizadas, máis de sete mil no total das universidades, supoñen arredor do seis por cento das rexistradas en toda Galicia e a taxa supera incluso a recomendada pola Organización Mundial da Saúde e a media galega. A segunda fase da campaña de doazón levarase a cabo nos meses de marzo, abril e maio de 2011.