Ir o contido principal

Carmen Fernández Morante, elixida presidenta da Conferencia nacional de decanas e decanos de Ciencias da Educación

Carmen Fernández Morante, elixida presidenta da Conferencia nacional de decanas e decanos de Ciencias da Educación
Carmen Fernández Morante, elixida presidenta da Conferencia nacional de decanas e decanos de Ciencias da Educación

A profesora do Departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC Mª Carmen Fernández Morante acaba de ser elixida presidenta da Conferencia nacional de decanas e decanos de Ciencias da Educación. O nomeamento, co que colle o relevo do decano da Universidade de Oviedo Juan Carlos San Pedro Veledo, tivo lugar na XVI Asemblea nacional de decanas e decanos celebrada os pasados días en Cuenca.

A Conferencia afrontou o relevo da súa executiva co obxectivo de dar continuidade aos traballos feitos nestes últimos anos de visibilidade, de actitude proactiva nos debates emerxentes sobre a educación en España e de interlocución ante a sociedade e as administracións públicas.

Para Fernández Morante este nomeamento, no que lle acompaña o profesor Antonio de Pro Bueno como vicepresidente, supón “unha gran responsabilidade para min e unha boa nova para a nosa Facultade e para a Universidade de Santiago”. A profesora mostrábase así de satisfeita xunto ao secretario de Estado de Educación, Alejandro Tiana Ferrer, que asistiu á xornada no Campus da Universidade de Castela- A Mancha e que lle comunicou a decisión da ministra de Educación e Formación Profesional de reabrir o debate sobre a profesión docente “no que a Conferencia está chamada a participar como un dos axentes implicados xunto coas administracións educativas e o profesorado”, explica a nova presidenta.

Propostas sobre a profesión Precisamente a tal efecto, o vindeiro 6 de novembro terá lugar en Madrid o foro ‘ Educar para o século XXI. Desafíos e propostas sobre a profesión docente’ que constituirá o punto de partida e presentación da estratexia para que o Ministerio elabore unha proposta sobre as necesidades e reformas que necesita a profesión.

Neste encontro a Conferencia presentará a súa proposta de bases sobre a formación e o acceso á profesión, que parte de catro acordos xerais como son a necesidade de adoptar unha visión de continuo para deseñar un modelo de carreira profesional, a coordinación e coherencia entre as distintas etapas desa carreira, unha colaboración continua entre a Administración e as facultades e o compromiso efectivo de todos os axentes implicados.

Ademais de representantes da Conferencia, no encontro en Madrid da vindeira semana participarán especialistas de renome como José Antonio Marina ou Álvaro Marchesi, decanos e decanas de España, administracións educativas autonómicas, profesorado e sindicatos.

Carmen Fernández Especialista en tecnoloxía educativa, a traxectoria profesional de Carmen Fernández Morante está vinculada ás Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) aplicadas á formación, tema sobre o que ten impartido docencia universitaria e cursos formativos e de innovación docente para profesorado de todos os niveis educativos así como para profesionais da educación.

Carmen Fernández Morante foi vicerreitora de Titulacións e Persoal Docente e Investigador e xefa da sección de Tecnoloxía Educativa do Instituto de Ciencias da Educación. É ademais membro da Asociación Internacional para o desenvolvemento da Tecnoloxía Educativa e das Novas Tecnoloxías aplicadas á Educación (Edutec) e do Observatorio Galego de e-learning.

Forma parte do grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC e ten participado en numerosas publicacións e proxectos de investigación autonómicos e nacionais en colaboración con outros grupos. Como investigadora principal traballa en diversos proxectos europeos competitivos (e-Hospital, IEPTL, ICTeachers, ICTGoGirls, Rural School Cloud ou Create your future).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2018.