Ir o contido principal

Case mil estudantes internacionais de dezaoito países achéganse nun evento virtual á oferta de doutoramento da USC

A USC conta na actualidade cun total de 2728 doutorandos/as. FOTO: Santi Alvite
A USC conta na actualidade cun total de 2728 doutorandos/as. FOTO: Santi Alvite
O alumnado participante nesta sesión en liña procede principalmente de países coma Arxentina, Colombia, Ecuador, México e Perú
Santiago de Compostela

Preto dun milleiro de estudantes internacionais de dezaoito países acaban de tomar parte nun evento informativo en liña a través do cal o Servizo de Captación Internacional, adscrito á Vicerreitoría de Titulacións e Captación Internacional, achegou a oferta académica de doutoramento da USC. O alumnado procedente maioritariamente de Arxentina, Colombia, Ecuador, México e Perú, puido profundar nos 57 programas de doutoramento ofertados nas áreas de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias da Saúde e Ciencias e Enxeñaría.

“A sesión informativa de presentación da oferta académica de doutoramento tivo unha excelente acollida cun alto índice de inscrición de alumnado internacional”, salientou a vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María José López Couso. O evento foi introducido por Pablo Taboada Antelo, director da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS), que presentou información xeral da USC, para centrarse posteriormente noutros aspectos como os medios académicos e científicos, proceso de matrícula e requirimentos ou duración e custo dos programas.

A continuación participaron os subdirectores de cada unha das áreas de coñecemento: M. Eugenio Vázquez Sentís, en Ciencias e Enxeñaría; J. Miguel Túñez López, en Ciencias Sociais e Xurídicas; Dolores Vilavedra Fernández, en Artes e Humanidades; e Juan B. Zalvide Torrente, en Ciencias da Saúde. Nas súas intervencións detallaron as fortalezas de cada eido, así como os programas que abranguen cada un deles.

Intensa campaña de márketing

Na parte final do seminario os integrantes do Centro de Benvida Internacional e da EDIUS resolveron todas as dúbidas sobre o acceso aos programas, trámites administrativos na USC, así coma cuestións relativas á súa estadía. “O éxito desta iniciativa radicou nunha intensa campaña de márketing coordinada, deseñada e implementada polo recentemente creado Servizo de Captación Internacional”, quixo subliñar López Couso.  A USC conta na actualidade cun total de 2728 doutorandos/as, dos que 510 son de nova matrícula no presente curso. No ano 2020 foron presentadas un total de 242 teses de doutoramento, un 37% delas con mención internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.04.2021.