Ir o contido principal

A Cátedra do Camiño lanza unha nova liña de divulgación científica a través da creación de contidos audiovisuais

A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC foi creada no Consello de Goberno de 29 de xullo de 2016 grazas a sucesivos convenios de colaboración entre a USC, a Axencia de Turismo de Galicia da Xunta de Galicia e a Catedral de Santiago. FOTO: Santi Alvite
A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC foi creada no Consello de Goberno de 29 de xullo de 2016 grazas a sucesivos convenios de colaboración entre a USC, a Axencia de Turismo de Galicia da Xunta de Galicia e a Catedral de Santiago. FOTO: Santi Alvite
Entre os vídeos publicados atópase a presentación a cargo de Elias J. Feijó Torres do libro no que aborda o impacto da ruta xacobea na cidade de Compostela a nivel cultural, social e económico
Santiago de Compostela

A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, acaba de iniciar unha nova liña de divulgación do seu traballo académico e científico sobre a ruta xacobea, a través da creación de vídeos divulgativos. As pezas poden consultarse en aberto e de balde a través desta ligazón.

Medo ao delito

A presentación dos resultados do proxecto de investigación financiado por esta Cátedra institucional, na convocatoria correspondente a 2019, sobre a percepción de seguridade no Camiño de Santiago, constitúe a primeira das pezas realizadas. María del Mar Durán Rodríguez, profesora da área de Psicoloxía Social, explica no vídeo como a Psicoloxía Ambiental é un campo que continúa en auxe con numerosas e novas investigacións. A relación do comportamento humano e o ambiente socio físico é fundamental tanto dende o enfoque da mellora de condutas medio ambientais como dende a percepción da calidade de vida. “Isto non só explícase polas características obxectivas do lugar, senón tamén polas experiencias vividas que xeren un maior apego coa contorna e unha maior seguridade”, conclúe esta investigación.

A este respecto, a importancia do estudo da percepción de seguridade/inseguridade e, polo tanto, do medo ao delito, para a mellora da calidade de vida das persoas, fixo que investigadores de todo o mundo desenvolvesen explicacións teóricas que permitan unha aproximación a saber que provoca que certas persoas se sintan máis vulnerables que outras ante as faltas ou delitos, co obxectivo final de poder encamiñar medidas políticas dirixidas á súa xestión. O mecanismo explicativo que leva a dilucidar o efecto das características ambientais no medo ao delito percibido polos cidadáns estaría mediado pola percepción de vulnerabilidade. “As características ambientais das rúas, barrios e cidades e, neste caso, do Camiño en si en todas as súas fases (urbanas e non urbanas), afectaría na súa percepción de vulnerabilidade dinámica, influíndo á súa vez no medo ao delito e na cohesión social”, sinala a profesora da USC. “As redes sociais, a satisfacción coa contorna e a eficacia colectiva ou a cohesión social reducirían o medo ao delito. Deste xeito, a percepción de seguridade/inseguridade ou medo ao delito móstrase como un problema social e político suficientemente importante para dedicar esforzos ao seu estudo e tratamento”, apunta.

Benestar para a poboación

A realización do Camiño de Santiago pode mellorar a saúde pública ao aumentar a actividade física e modificar o comportamento de persoas inactivas que con anterioridade á realización do Camiño tiñan hábitos sedentarios. Esta é unha das premisas das que parte outro dos vídeos divulgativos sobre o proxecto ‘O Camiño de Santiago como provedor de saúde e benestar para a poboación’ de Melchor Fernández Fernández, profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.  “O obxectivo deste proxecto é establecer un marco de análise para estudar a relación entre a realización do Camiño de Santiago e o estado de saúde”, explica o profesor da área de Análise Económica. Esta investigación optou pola metodoloxía de investigación cuantitativa, con métodos de investigación descritivos, utilizando a enquisa como técnica e o cuestionario como instrumento. “O obxectivo final é validar un cuestionario de actividade física e estado de saúde adaptado aos peregrinos do Camiño de Santiago para caracterizar o estado de saúde e o grao de actividade física previa á realización do Camiño por parte do peregrino e adicionalmente conseguir información sobre os problemas de saúde que poden xurdir durante a realización do mesmo”, sinala Melchor Fernández. En última instancia, o estudo pretende sentar as bases para iniciar un programa que fomente a preparación e o uso saudable da peregrinación.

Premio de Investigación

Elias J. Feijó Torres, Premio de Investigación da Cátedra do Camiño e as Peregrinacións da USC, na súa terceira edición, e actual decano da Facultade de Filoloxía, presenta noutro dos vídeos a súa obra  Bem-estar comunitario e visitantes através do Caminho em Santiago. Grandes narrativas, ideias e práticas culturais na cidade.

A obra premiada constitúe un estudo do impacto do fenómeno do Camiño de Santiago na poboación da cidade de Compostela a nivel cultural, social e económico. Así, aborda o perfil do visitante á cidade, a súa motivación, consumo e gastos que realiza, alén das consecuencias para a poboación local, como pode ser o caso dos cambios na actividade comercial, perda de poboación do centro histórico e rápida perda de identidade de Compostela. A conclusión máis notoria deste estudo é o concepto de “camiñización” da identidade da cidade, un feito que se manifesta na nova oferta de establecementos comerciais e nos produtos en venda que se vinculan ao Camiño, o despoboamento do centro histórico abandonado pola poboación local debido á masificación de visitantes e a falta de servizos, así como falta de diversidade comercial.

A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC foi creada no Consello de Goberno de 29 de xullo de 2016 grazas a sucesivos convenios de colaboración entre a USC, a Axencia de Turismo de Galicia da Xunta de Galicia e a Catedral de Santiago, co obxectivo de apoiar e divulgar a investigación do Camiño de Santiago e a Peregrinación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.05.2021.