O catedrático Santiago Fernández Mosquera, elixido presidente da Asociación Internacional Siglo de Oro

O catedrático de Literatura Española da USC Santiago Fernández Mosquera é o novos presidente da Asociación Internacional Siglo de Oro (AISO) logo da súa elección no transcurso do XI Congreso celebrado na Universidade Complutense. O docente da USC substitúe no cargo ao profesor de Chicago Frederick de Armas.
A Asociación Siglo de Oro comeza a dar os seus primeiros pasos en 1984 ao constataren un grupo de profesores de universidades españolas e francesas a necesidade de fomentar a relación entre investigadores que se ocupaban do estudo da cultura e da literatura do Século de Ouro. Aurora Egido, catedrática da Universidade de Zaragoza e agora membro da RAE, asumiu a presidencia dunha directiva provisional que rematou coa xestión do primeiro congreso celebrado no ano 1987.
Entre os principais obxectivos desta asociación figuran facilitar e difundir a información científica entre quen se dedica ao estudo da literatura, lingua e cultura española e hispánica daquela época, dar a coñecer os traballos dos investigadores e contribuír ao desenvolvemento das investigacións nese eido. Unha das súas tarefas principais é a realización dun congreso internacional, de carácter trianual, que nesta ocasión se celebrou na Universidade Complutense de Madrid e que tivo en Santiago de Compostela a súa oitava edición en 2008.
Este ano cumpriu o seu 30 aniversario cun acto na Real Academia Española, presidido polo seu director, Darío Villanueva quen salientou a forza e presenza destes estudos na actualidade e a grande importancia da Asociación nestes últimos trinta anos.
Santiago Fernández
Santiago Fernández Mosquera é especialista na obra de Francisco de Quevedo e Calderón de la Barca, ademais de desenvolver os cargos de director do Departamento de Lingua e Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral; director da Cátedra Inditex de Lingua e cultura españolas na Universidade de Daca (Bangladés); e coordinador do Grupo de investigación Calderón da USC.
Imaxe do encontro celebrado na RAE con motivo do 30 aniversario da asociación