Medio centenar de relatores de diferentes países presentan en Santiago as principais novidades no campo da implantoloxía
O reitor Juan Casares presidiu a inauguración do II Congreso Internacional da Sociedade Científica de Odontoloxía Implantolóxica (SCOI) que ata este sábado 27 se celebra en Compostela coa participación de profesionais, representantes das principais empresas dos sector ou dous dos expertos con máis investigacións realizadas nesta área, en calidade de relatores. Na cerimonia de inauguración interviñeron ademais a vicedecana da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Inmaculada Tomás; o presidente da SCOI, Pablo Galindo; e o presidente deste segundo Congreso, Gonzalo López Castro. Inmediatamente despois da inauguración oficial, o catedrático Ángel Carracedo pronunciou unha conferencia sobre a relación entre a odontoloxía e a xenética. Preto de medio centenar de relatores de Alemaña, Bélxica, Brasil, Corea, Dinamarca, Estados Unidos, Francia, Italia, Suíza e Taiwán traen a debate estes días en Compostela as principais novidades que no campo da práctica clínica e a investigación se están a desenvolver na implantoloxía odontolóxica. O obxectivo é defender e divulgar a ciencia e, sobre todo, trasladala ao día a día, mellorando a calidade da atención aos pacientes sen esquecer novos campos para a investigación. Como explicou o presidente do comité organizador este é “o congreso máis importante do ano no eido da implantoloxía” o que na súa opinión xustifica que ao longo destes dous días se dan cita en Compostela “a elite da implantoloxía española”. Xunto aos investigadores e especialistas tamén estarán presentes as máis representativas casas comerciais do sector. Neste senso, Gonzalo López lembrou que España é o segundo país do mundo que máis implantes odontolóxicos consume. Os avances tecnolóxicos na cirurxía guiada, próteses implantarias biolóxicas, a patoloxía periimplantaria, rexeneración ósea, enxertos óseas ou complicacións implantolóxicas son algúns dos temas que se están a tratar co programa deseñado. Ademais das sesións científicas, o Congreso contempla dous cursos especializados dirixidos a hixenistas e protésicos e dous obradoiros clínicos que estarán dedicados a cirurxía piezoeléctrica e á elevación do seno.