Ir o contido principal

Medio cento de estudantes dunha vintena de países participan nos cursos ‘Galego sen fronteiras’

Foto de familia con todos os participantes. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia con todos os participantes. FOTO: Santi Alvite
USC e RAG impulsan a trixésimo terceira edición desta iniciativa que dende 1988 leva formado en lingua e cultura galegas a tres milleiros de mozos e mozas a través dunha experiencia de inmersión lingüística e social
Santiago de Compostela

A USC e a Real Academia Galega (RAG) retomaron este luns 3 a celebración dos cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’, despois de tres anos de interrupción por mor da pandemia. Nesta trixésimo terceira edición participarán ata o 24 de xullo preto de medio cento de estudantes de países de tres continentes. “Non hai nada máis íntimo que poida expresar a cultura dun pobo que a lingua que aprendemos a falar cando somos nenos e nenas”, afirmou a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, quen se referiu tamén á ollada aberta dos estudantes para coñecer a cidade que os acolle, Santiago de Compostela, alén dos tópicos. “Marcharedes namorados, podedes telo por seguro, igual que nós ficaremos namorados de vós. Poucos días pero moi intensos, así é sempre. E logo, por onde queira que a vida vos leve, sempre vos teremos polos nosos embaixadores”, díxolles o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, no acto inaugural celebrado na Facultade de Filosofía da USC.

USC e RAG organizan os cursos ‘Galego sen fronteiras’ co apoio económico da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. Na inauguración da nova edición participaron tamén o catedrático da USC, académico e membro do Instituto da Lingua Galega (ILG) Henrique Monteagudo, que codirixe os cursos xunto á vicedecana de Ciencias da Educación e tamén académica, María López Sández; a directora do ILG, Elisa Fernández Rei; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

“Esperamos achegarvos os recursos necesarios para que vós tamén poidades seguir a investigar sobre a nosa lingua e a nosa cultura, se así o desexades. Agardamos saber transmitirvos a nosa paixón polos estudos galegos”, expresou Elisa Fernández Rei. Henrique Monteagudo debullou, pola súa parte, o programa que se desenvolverá durante as tres próximas semanas, organizado por niveis, e referiuse tamén ao papel do alumnado desta cita xa tradicional como divulgador da lingua e da cultura galegas polo mundo.

Verter a literatura galega

Os alumnos e alumnas desta edición proceden dos Estados Unidos, da Arxentina, do Reino Unido, do Brasil, da India, da China, Finlandia, Francia, Países Baixos, Italia, Ecuador, Cuba, Polonia, Alemaña, Rusia, Suíza, Austria, Chequia e México, así como doutras comunidades autónomas. Súmanse aos preto de 3.000 que dende 1988 pasaron polas aulas duns cursos que, como apuntaron tamén os demais intervenientes no acto deste mediodía, “contribúen a espallar a lingua e a cultura de noso por todo o mundo”. Moitas das persoas estranxeiras e doutros territorios de España que na actualidade se dedican a verter a literatura galega a outras linguas e a ensinar o galego en universidades europeas, americanas ou asiáticas foron antes estudantes deste programa.

O alumnado gozará durante tres semanas dunha experiencia de inmersión lingüística e social en Galicia ao tempo que acode a clases e seminarios organizados por niveis. A oferta complétase con visitas e outras actividades que ofrecen unha aproximación á realidade da comunidade dende distintas perspectivas, da literaria e lingüística á musical á artística e paisaxística.

O calendario de palestras arrinca este xoves 6 de xullo cun relatorio da escritora e académica Marilar Aleixandre, galardoada co Premio Nacional de Narrativa 2022 do Ministerio de Cultura coa novela As malas mulleres. O cineasta Álvaro Gago, director da multipremiada Matria, falaralles aos alumnos sobre a historia do cinema galego e da súa propia obra cinematográfica o martes 11 de xullo. O xoves 13 Malores Villanueva, biógrafa de Francisco Fernández del Riego, pronunciará un relatorio sobre a celebración do Día das Letras Galegas 2023, que este ano chega á súa sexaxésima edición rendéndolle homenaxe precisamente ao seu creador; o 18 de xullo será a quenda de María Obelleiro, directora de Nós Diario, cunha intervención sobre os medios de comunicación e a lingua galega; e o 20 de xullo a escritora e académica Fina Casalderrey abordará os lazos entra a literatura e a gastronomía.

A programación de actividades inclúe ademais obradoiros de baile tradicional e regueifa a cargo de Mercedes Prieto e Alba María, respectivamente; unha viaxe no tempo polas rúas de Santiago de Compostela a través das músicas que se escoitaron e crearon na cidade e mais unha excursión á Costa da Morte.

De esquerda a dereita, Elisa Fernández Rei, Víctor F. Freixanes, Pilar Murias, Valentín García e Henrique Monteagudo. FOTO: Santi alvite
De esquerda a dereita, Elisa Fernández Rei, Víctor F. Freixanes, Pilar Murias, Valentín García e Henrique Monteagudo. FOTO: Santi alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2023.