Centos de escolares celebraron a III Gala da Radio de campUSCulturae
Máis de 200 escolares de primaria e secundaria de toda Galicia asistiron este venres á terceira gala do Día da Radio que, na véspera da conmemoración do Día Internacional da Radio, o proxecto campUSCulturae organizou en Ciencias da Comunicación.
Ao longo dunha hora e media, os nenos e nenas convidados participaron nun programa radiofónico en directo conducido por Nieves Rodríguez e Carlos Roma. Durante esta festa da radio, en streaming por Radio campUSCulturae, houbo actuacións musicais en directo do grupo vigués Ameva e de Paulo DJ, conexións con distintas emisoras e concursos en directo.
Con esta gala, o proxecto campUSCulturae celebra tamén o segundo aniversario da inauguración da súa radio en liña, que mantén as emisións de xeito ininterrompido desde o 13 de febreiro de 2014.
O vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, Xosé Pereira Fariña; o coordinador de campUSCulturae, Xosé A. Neira Cruz; e os coordinadores de Radio campUSCulturae, Toni España, Jonatan Barral e Germán Valcarce, foron os encargados de inaugurar esta actividade que forma parte dos contidos deste proxecto europeo co financiado pola Culture Agency da UE.