Centos de estudantes de secundaria coñecen na USC as células nai
A Facultade de Medicina acolleu este venres un novo UniStem Day 2016 no que máis de 250 estudantes dos centros Rosalía de Castro, Antón Fraguas, Peleteiro e Compañía de María participaron, simultaneamente con 73 universidades e centros de investigación de oito países europeos, coñeceron a investigación con células nai.
Foron en total máis de 27.000 estudantes de España, Reino Unido, Alemaña, Dinamarca, Polonia, Serbia, Suecia e Italia os que interviñeron á vez nunha xornada na que, ademais da USC, participaron outras nove universidades españolas. O encontro na USC estivo coordinado por cuarto ano consecutivo polo Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Párkinson.
UniStem Day 2016 inaugurouse nun acto no que participaron a vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, Isabel Rodríguez-Moldes; o decano de Medicina e Odontoloxía, Jesús Gestal Otero; e o director do Departamento de Ciencias Morfolóxicas e do Grupo de Neurobioloxía da Enfermidade de Párkinson da USC, nodo da Rede de Terapia Celular de Galicia, José Luis Labandeira García.
A continuación, e logo de saudar ás distintas delegacións universitarias de España, desenvolvéronse catro sesións impartidas por docentes e investigadores da USC. Sobre o ‘abc’ das células nai falaron Ana Isabel Rodríguez e Carmen Díaz, mentres que Rita Valenzuela, Pablo Garrido e Begoña Villar explicaron cómo experimentar con elas. ‘Tres, dous, un... ¡Acción! Células nai en marcha’ foi o título da charla de Ana Muñoz, Jannette Rodríguez e Juan Parga e, por último, María García, Alicia Costa e Antonio Domínguez contaron verdades e mentiras sobre elas.
A xornada rematou cun xogo de reconstrución dun órgano con células nai e a proxección do documental ‘Terapia celular: a medicina do futuro’. Preténdese deste xeito que a través de conferencias, debates, películas e eventos recreativos a xuventude descubra a investigación tendo en conta non só o contido e métodos científicos senón tamén as posibilidades creativas e divertidas que ofrece.
Na USC o UniStem contou co patrocinio de Galmedic Material, Glass Chemicals, Celta Ingenieros, Merck-Millipore, Fisher Scientific, Grupo 3, Editorial Elsevier, Red Bull e Gadis.