Ir o contido principal

O Centro de Linguas Modernas da USC organiza o Día de Xapón en Santiago

O Centro de Linguas Modernas da USC organiza o Día de Xapón en Santiago
O Centro de Linguas Modernas da USC organiza o Día de Xapón en Santiago

Enmarcado na II Semana Cultural do Xapón ‘Vive Xapón en Galicia’, a sección de Xaponés do Centro de Linguas Modernas da USC organiza o mércores 22 unha xornada dedicada ao país nipón.

O Día de Xapón en Santiago de Compostela, organizado en colaboración coa Embaixada de Xapón e a Casa Galicia Xapón, comezará ás 16:00 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais coa conferencia ‘Estudo e investigación en Xapón: Becas do goberno xaponés’ a cargo de Gabriel Álvarez, ex erudito Monbukagakusho e tradutor e intérprete de xaponés e español, que estará acompañado da coordinadora de Educación da Embaixada de Xapón, Paloma Valor.

A continuación, terá lugar unha mesa redonda sobre a empresa xaponesa en España na que, moderada polo ministro da Embaixada de Xapón Kenji Hirata, participarán o director xeral de Shacho Kai (Asociación de Directores Xerais e Presidentes de empresas en España cun mínimo de 10% de capital xaponés), Tomás Zumárraga; o executivo rexional do Banco de Tokio-Mitsubishi UFJ, o maior grupo financeiro de Xapón, Takuya Kodama; e o director xeral en España da Sucursal de Mitsui & Co, Yasunori Mori.

A xornada rematará cun concerto de música xaponesa J-Pop coa cantante Nana Okabe ás 20.00 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias da Comunicación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2017.