Ir o contido principal

Centros da Baña, Cabana de Bergantiños e Ames representarán a Galicia na fase estatal do concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’

Centros da Baña, Cabana de Bergantiños e Ames representarán a Galicia na fase estatal do concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’
Centros da Baña, Cabana de Bergantiños e Ames representarán a Galicia na fase estatal do concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’

Os proxectos gañadores da sétima edición do concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’ recaeron en centros da Baña, Cabana de Bergantiños e Ames. Todos eles, que coñeceron esta mañá na Facultade de Matemáticas o ditame, representarán a Galicia na VII Fase Nacional do concurso a celebrar en Oviedo do 28 ao 30 de xuño.

Na categoría 1º e 2º da ESO o gañador foi o traballo ‘Por qué á miña nai non lle gusta o chocolate branco?’ do CPI San Vicente da Baña e titorizado por Paula Blanco. Houbo ademais mencións especiais para ‘O Mundo, a casa de todos’, do IES número 1 de Ribeira e con Trinidad Pazos e Olga Simón como titoras, e ‘¿Hai máis alérxicos no século XXI?’, do Colexio Apostol Santiago e Isabel Hernández como profesora responsable.

Entre os traballos de 3º e 4º da ESO mereceu o galardón o proxecto ‘Amigos si, pero… a vaquiña polo que vale?’ do CPI As Revoltas e titorizado por Milagros Dieguez.

Xa na categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio, o gañador foi ‘Machismo na sociedade ¿Somos realmente as novas xeracións menos machistas?’ do Colexio Alca (Ames), con Mónica Fandiño como titora. Houbo tamén unha mención especial para ‘Como é o consumo de produtos transxénicos na sociedade?’ do mesmo colexio e titorizado por José María Villarino.

O concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’ convócao a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación Operativa (Sgapeio) coa colaboración da Facultade de Matemáticas da USC, a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Instituto Galego de Estatística.

O xurado desta sétima edición estivo presidido por Tomás Cotos Yáñez , vicepresidente da SGAPEIO, sendo secretaria Mª Jesús Casado Barrio, do IES Daviña Rey de Monforte de Lemos. Como vogais actuaron Concepción Miguele Arrizado, do Instituto Galego de Estatística; Indalecio Cabana Leira, da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Covadonga Rodríguez-Moldes Rey, do IES de Mugardos; e Mª José Ginzo Villamayor, da USC e membro da actual executiva da SGAPEIO.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2017.