Un ciclo de conferencias analiza a utilidade da balneoterapia na prevención e tratamento de procesos tumorais
Un ciclo de conferencias na Facultade de Medicina analizará ata o próximo venres 3 algunhas das evidencias científicas que revelan a utilidade da balneoterapia na prevención e tratamento de procesos tumorais así como na recuperación de doentes afectados por procesos oncolóxicos. ‘A balneoterapia: do empirismo á evidencia científica. A Balneoterapia como tratamento coadxuvante nos procesos tumorais’ é unha iniciativa da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC e Balnearios de Galicia coa colaboración de profesores do Departamento de Farmacoloxía da Facultade de Medicina e Odontoloxía compostelá. Nesta acción formativa xa formalizaron a súa matrícula preto de 300 estudantes de Enfermaría, Medicina e Odontoloxía, que recibirán un crédito de libre configuración. A inauguración oficial do encontro celébrase este mércores 1 de decembro a partir das 19:30 na Aula Castelao da Facultade de Medicina nun acto que presidirá o decano, José M. Fraga e ao que lle seguirá a primeira das conferencias a cargo do director da Cátedra de Hidroloxía Médica, o catedrático Juan J. Gestal Otero, que falará sobre ‘Termalismo e saúde hoxe’. Seguiralle o profesor Manuel Freire-Garabal cunha reflexión sobre a importancia da psiconeuroimunoloxía da balneoterapia. Na sesión do xoves 2, con semellante horario, a investigadora da USC Silvia Novío e Elena Gallardo, do Servizo de Oncoloxía do CHUS, abordarán os efectos biolóxicos sobre o cancro, con especial atención as proteínas de choque térmico, e os coidados tras un cancro de colon, respectivamente. A derradeira xornada do ciclo celebrarase o venres 3 no Balneario Termas de Cuntis, coa intervención a partir das 17:00 horas da profesora Mª Jesús Núñez para falar sobre o efecto antioxidante do auga mineromedicinal sulfurada e a súa repercusión sobre o sistema inmunitario. Deseguido, o codirector da cátedra de Hidroloxía Médica, o profesor Luís Rodríguez, pronunciará o relatorio ‘Os balnearios hoxe’. O ciclo rematará coa presentación de conclusións. Un número crecente de doentes está optando por terapias de medicina integradora ou alternativa como parte do seu plan xeral de tratamento contra o cancro. Os promotores do ciclo de conferencias apuntan que ademais das terapias convencionais existen alternativas que aproveitan elementos coadxuvantes que poden mellorar a calidade de vida ou mesmo o prognóstico da enfermidade. Segundo os expertos, as terapias da medicina integradora poden axudar a loitar contra a fatiga, aliviar as náuseas, diminuír a dor ou reducir o estres, a ansiedade ou a depresión, así como a curar feridas. Indican ademais que se coñecen certos efectos biolóxicos, sobre a proteína de choque térmico, a acción antioxidante sobre o sistema inmune ou a desintoxicación do colon mediante lavados. A balneoterapia, engaden os promotores do ciclo, pode prover no seu conxunto dunha serie de elementos que reporten saúde e calidade de vida traducible nunha melloría na calidade de vida e nas expectativas de supervivencia. En calquera, caso sempre “dentro da convición de que non deben substituír en ningún caso os protocolos terapéuticos” que teñen conseguido que o cancro, en moitos casos, se teña convertido nunha enfermidade curable ou en proceso crónico con mortalidade moi diferida no tempo, engaden.