Ir o contido principal

Segundo ciclo de conferencias en arqueoloxía e arqueobotánica

Segundo ciclo de conferencias en arqueoloxía e arqueobotánica
Segundo ciclo de conferencias en arqueoloxía e arqueobotánica

O Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC (GEPN-AAT) desenvolve a comezos de abril na Facultade de Xeografía e Historia a segunda edición do ciclo de conferencias ‘Arch-Bot’ en arqueoloxía e arqueobotánica. Coordinado por María Martín-Seijo, no encontro participan especialistas internacionais de recoñecido prestixio.

O ciclo comezará na mañá do día 5 coa intervención de Noemí Silva Sánchez, de Earth System Science da USC, titulada ‘Paleobotánica vs. Arqueobotánica: unha aproximación dende a palinoloxía’. Seguiralle María Martín-Seijo, que falará da utilización de plantas para elaborar manufacturas durante a Idade do Ferro no Noroeste de Iberia. A sesión matinal rematará con charlas sobre carpoloxía da Idade de Ferro e Romanización do Noroeste peninsular e caracterización molecular de artefactos arqueolóxicos.

Xa pola tarde intervirán Olalla López-Costas (Earth System Science da USC) coa conferencia ‘ Aproximación á arqueobotánica a través da alimentación humana e animal’ e Miriam Cubas Morera, da Sociedade de Ciencias Aranzadi da Universidade de York, con ‘Reconstruíndo as prácticas culinarias: a análise de residuos orgánicos en cerámica prehistórica’.

A última xornada do ciclo terá lugar o 6 de abril coas charlas de João P. Tereso (CIBIO-InBio) e María Martín-Seijo sobre identificación de sementes e froitos e de madeiras, respectivamente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.03.2018.