Ir o contido principal

O ciclo de música contemporánea Do Audible presenta este martes na Casa do Saber Lugo o programa ‘Eloxio do mínimo’

Vertixe Sonora Ensemble, nun concerto
Vertixe Sonora Ensemble, nun concerto

O ciclo de música contemporánea Do Audible, unha iniciativa promovida pola secretaría xeral de Cultura da Xunta de Galicia e dirixida por Vertixe Sonora Ensemble, presentará este martes, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o programa ‘Eloxio do mínimo’, no marco do que músicos de Vertixe Sonora Ensemble interpretarán un repertorio con obras de varios compositores.

O compositor Alberto Bernal e o investigador en arte contemporánea Federico López Silvestre serán os encargados de introducir este programa artístico, que inclúe obras de Peter Ablinger, Luc Ferrari, Franz Listz, La Monte Young, Giacinto Scelsi, Mathias Spahlinger ou mesmo do propio Alberto Bernal, cuxa obra ‘Eloxio do ausente’ fai una relectura dun fragmento de ‘Einsame Blumen’, de Robert Schumann, coa axuda dun piano de xoguete. Do Audible é un ciclo que terá continuidade nos meses de outubro e novembro e cuxos obxectivos pasan por poñer a dialogar a música contemporánea coa arte, a ciencia e o pensamento contemporáneos, a fin de contribuír así a que o público xeral teña unha experiencia singular coas propostas, localizadas en diferentes cidades de Galicia. A formación Vertixe Sonora estará representada este martes no auditorio da Casa do Saber de Lugo por catro dos seus integrantes: Mario Peris e, Vadzim Yukhnevich (acordeón), David Durán (piano) e Diego Ventoso (percusión). A entrada para asistir ao concerto ‘Eloxio do mínimo’ é libre e de balde para todas as persoas interesadas ata completar o aforo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.06.2015.