Ir o contido principal

Cincuenta persoas acadan competencias en manexo e procedementos con pequenos animais no Animalario Lugo

Un coello nas instalacións do Animalario de experimentación da USC en Lugo
Un coello nas instalacións do Animalario de Experimentación da USC en Lugo
O servizo de que dispón a USC no Campus de Lugo atende unha crecente demanda de persoas que precisan de formación práctica para acadar os certificados de capacitación profesional expedidos pola Xunta de Galicia
Lugo, Santiago de Compostela

O Animalario Lugo está a consolidar a súa utilidade como centro universitario a prol da experimentación con pequenos animais (roedores e lagomorfos –coellos-), tal e como denotan as estatísticas de uso destas instalacións e o crecente número de solicitudes de particulares e profesionais que demandan o uso e a colaboración deste servizo xeral da USC con sede no Campus lugués, para completar a formación práctica esixida pola Administración para a expedición da pertinente capacitación profesional, un certificado con validez acreditada a nivel europeo.

A posta en marcha do programa de formación en experimentación animal na USC, unha iniciativa estruturada en 14 cursos de tódalas especies recollidas na lexislación vixente (roedores, coellos, peixes, carnívoros, équidos, ruminantes, porcino, aves, animais silvestres) que se desenvolveu ao longo do trienio 2019-2021, contribuíu a outorgar máis visibilidade e, se cabe, a importancia do cometido deste animalario no eido da experimentación con pequenos animais, relata a profesora da USC e adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera. A parte teórica deste plan de formación específica, no que formalizaron a súa matrícula 150 persoas desenvolveuse nas aulas da Facultade de Veterinaria da USC, que ofreceu o Animalario Lugo para cursar os módulos prácticos ou traballos baixo supervisión (TBS) en pequenos animais e o Cebiovet para completar a parte práctica no caso de animais medianos e grandes, explicou.

O desenvolvemento deste programa específico de formación tivo un impacto notable sobre a actividade do Animalario Lugo, que “desde 2020 foi o centro escollido por preto de medio centenar de persoas de distintos puntos de Galicia e de España para desenvolver os seus traballos prácticos baixo supervisión”, comenta a técnico de investigación da USC Mercedes Otero. A tamén responsable desta instalación universitaria sinalou asemade que toda a formación que a USC ofrece neste eido está orientada a que  toda a experimentación animal se faga coas garantías necesarias de protección e benestar, segundo a normativa vixente tanto no plano estatal como europeo.

Un servizo aberto á sociedade

O Animalario Lugo da USC é unha infraestrutura ao servizo dos grupos de investigación da USC, pero que tamén colabora con empresas e con calquera organismo público que o demande, relata Otero, para logo incidir en que a actividade deste servizo está centrada exclusivamente en facer ensaios con roedores e lagomorfos (coellos). En canto a formación, Mercedes Otero detallou que todos os módulos prácticos supervisados neste animalario corresponden a capacitacións de tipo A (coidado dos animais), B (eutanasia) ou C (realización dos procedementos).

Os programas destes módulos de formación práctica fanse baixo titoría de técnicos especializados e teñen unha duración variable en función da capacitación profesional da que se trate, indica Otero, ao tempo que comenta que o número de horas de cada curso oscila entre as 10 e as 55 horas, en función da categoría desexada e de se se trata dunha ou de varias especies.

Outras prestacións

Alén deste cometido de formación profesionalizante para o que está acreditado, o Animalario Lugo é un centro de experimentación para comunidade de investigadores da USC e tamén como servizo de especial interese para algunhas empresas e institucións que precisen deste tipo de instalacións para levar a cabo os seus procedementos de experimentación con animais, comentou Otero.

A responsable do servizo cualificou de “elevado” o nivel de actividade que se desenvolve nesta instalación, cuxas prestacións de tipo convencional vense aumentadas coa disposición dunha zona  para traballar con animais afectados por patóxenos de nivel 2 e cun biomódulo que permite traballar e experimentar con animais illados do resto do animalario.

 

Ratones para experimentación en animalario del Campus de Lugo
Ratones para experimentación en animalario del Campus de Lugo
Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.06.2021.