CinEmpresa 2009 analiza o fenómeno do paro e as reestruturacións sectoriais a través do filme 'Los lunes al sol'
O ciclo CinEmpresa 2009 someterá este mércores 18 a análise as particularidades dunha reestruturación sectorial e o paro no transcurso dunha sesión na que se proxectará o filme Los lunes al sol (2002) de Fernando León de Aranoa. Será a partir das 18:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago comezando coa presentación do tema e da película, para logo da súa exhibición desenvolver un debate co profesor Roberto Bande Ramudo do Departamento de Fundamentos da Análise Económica.
O cine e a economía danse a man no ciclo CinEmpresa 2009, iniciativa da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais que pretende analizar dun xeito interdisciplinar aspectos diversos da actividade económica e a xestión empresarial a través do visionado de películas, tanto de ficción como documentais, que permitan establecer o contexto da aprendizaxe e que servirán de base para a posterior.
CinEmpresa é un complemento á docencia tradicional e nace, precisamente, da crenza nun método docente innovador. Así, os argumentos e historias das doce películas seleccionadas para outras tantas sesións, formulan problemas, situacións reais ou conflitos do mundo económico e empresarial.
Os títulos desta segunda edición do ciclo ordénanse ao redor de dous bloques temáticos, ‘Temas actuais de economía e xestión empresarial’ e ‘Emprendemento: unha actitude fronte á vida’. No primeiro atópanse filmes como Los lunes al sol sobre a reestruturación sectorial e o paro; Recursos humanos para analizar o conflito xeracional na xerencia; Wall Street, Babel, Enron, los tipos que estafaron a América ou El pisito, para referirse ao fraude nos mercados financeiros, ao marketing internacional, á manipulación contable e o fraude financeiro ou á crise do mercado inmobiliario.
No bloque dedicado ao emprendemento, profundarase na figura do emprendedor, o ‘boom das tecnolóxicas’, a loita pola supervivencia no mundo profesional ou sobre a dimensión humana como factor de éxito empresarial. Será a través da proxección e posterior debate de filmes como Tucker, un hombre y su sueño, Start up.com, Jerry Maguire ou En busca de la felicidad.