Clausura dunha nova edición do Máster en Medicina Oral, Cirurxía Oral e Implantoloxía
O máster de Medicina Oral, Cirurxía Oral e Implantoloxía celebrou este sábado o acto de clausura e graduación de novos titulados cunha sesión que se celebrou no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Xunto ao reitor Juan Casares, que presidiu a sesión, asistiron tamén o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, José Mª Fraga Bermúdez; o director do Departamento de Estomatoloxía, Juan Seoane Lestón; e os directores do máster, os profesores José Manuel Gándara e Abel García. Na quenda de intervencións tamén tomou a palabra unha representación do estudantado e o padriño da promoción, o doutor Somoza Martín. Neste ano finalizaron os seus estudos Rocío Vázquez, Francisca Fernández, Raquel Moar e José Barreiro que se suman aos preto de corenta profesionais formados nas catorce edicións xa desenvolvidas, cun grao de inserción laboral do 100%.
O máster, que iniciará o vindeiro curso académico a súa quinceava edición, ten unha duración de tres anos cun sempre elevado número de solicitudes de admisión procedentes de licenciados en Odontoloxía de España, Portugal e Latinoamérica.