O CLM mantén aberta a inscrición para acreditar a competencia lingüística en francés e catalán

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC mantén aberto ata o vindeiro 14 de abril a inscrición en liña para realizar os exames oficiais para a obtención do Diplôme d'études en langue française (DELF) correspondentes ao nivel B1. Esta é a certificación oficial internacional expedida polo Ministerio de Educación Nacional de Francia, para acreditar as competencias en francés dos candidatos estranxeiros. As probas na USC desenvolveranse o martes 8 de xuño.
Asemade, o CLM mantén aberta tamén, ata o 27 de abril, a inscrición para obter as Certificacións Oficiais de Catalán. A Área de Filoloxía Catalá organiza e administra, anualmente e para toda Galicia, as probas oficiais para a obtención dos Certificats de Català do Institut Ramon Llull, encargado da avaliación e certificación dos coñecementos de lingua catalá fóra do dominio lingüístico. Estas certificacións permiten acreditar o grao de coñecemento da lingua catalá tanto a efectos académicos como laborais e teñen a todos os efectos a mesma validez e eficacia que as que expide a Secretaría de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya e o Govern de les Illes Balears.
Ata o mes de xullo, tamén están abertas as prazas para examinarse de inglés, francés, alemán, italiano e portugués na USC nas probas organizadas para os niveis B1 e B2; e en inglés, tamén no C1. Para preparar a parte oral destas probas o CLM mantén aberta a matrícula nas súas sesións de conversa.