Ir o contido principal

Colaboradores e responsables do programa A Ponte reúnense en Lugo para perfilar iniciativas destinadas ao futuro alumnado da USC

Os docentes colaboradores do programa A Ponte no Campus de Lugo asistiron este venres 21 de xaneiro a un encontro co coordinador do programa, Luis Hervella Torrón, e co vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón.

Nesta reunión, na que estiveron presentes unha vintena de colaboradores, deuse a coñecer a presentación en CD que os docentes utilizarán nas súas visitas aos centros de ensino medio de toda a provincia que teñen solicitado as charlas informativas sobre a USC destinadas ao alumnado. Ao mesmo tempo, a xuntanza tamén serviu para despexar dúbidas e tratar aspectos relacionados coas modificacións nas PAU ou a adaptación da USC ao Espazo Europeo de Educación Superior. Por outra banda, os responsables do programa aproveitaron para presentar as restantes actividades que se desenvolverán ao longo deste curso. ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ O programa A Ponte da USC está deseñado para asesorar aos futuros estudantes sobre múltiples cuestións do ámbito universitario e da oferta académica da USC. Entre as actividades que poñen en relación aos centros de ensino medio coa USC organízanse visitas e charlas dos colaboradores a colexios e institutos, visitas de alumnos de secundaria a centros universitarios ou reunións informativas con pais e nais do futuro alumnado, entre outras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.01.2011.