Ir o contido principal

O Colexio de Fonseca propón unha viaxe á ‘Biodiversidade e Coleccións de Historia Natural’

O Colexio de Fonseca propón unha viaxe á ‘Biodiversidade e Coleccións de Historia Natural’
O Colexio de Fonseca propón unha viaxe á ‘Biodiversidade e Coleccións de Historia Natural’

‘Biodiversidade e Coleccións de Historia Natural’ é o tema da exposición que acaba de abrir as súas portas no Colexio de Fonseca. Esta mostra organizada polo Museo de Historia Natural Luis Iglesias e patrocinada pola Dirección Xeral de I+D+i enmárcase na celebración de 2010 como Ano Internacional da Biodiversidade. A inauguración oficial da mostra presidiuna o reitor Juan Casares nun acto no que estivo acompañado polo director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla; e a comisaria da mostra, a director do Museo, Mª Isabel Fraga. Aberta ao público ata o 12 de decembro, é unha aproximación ao tema dende unha perspectiva vangardista e con elementos claramente novidosos, tanto en aspectos científicos como de exhibición. No primeiro caso, utilizando os últimos avances en investigación e uso internacional de datos de coleccións e, no segundo, deseñando elementos expositivos segundo as concepcións máis innovadoras. A mostra integra exemplares faro das coleccións do Museo de Historia Natural da USC complementados coa observación e reflexión sobre a biodiversidade (xenética, taxonómica e ecolóxica), realizada a través de módulos interactivos (o túnel da biodiversidade) que permiten aos visitantes acceder a través da tecnoloxía ao coñecemento da variedade da vida (parede da biodiversidade). Os visitantes poderán comprobar de cantas formas se poden usar as coleccións dun museo para determinar as forzas e os cambios na variedade de hábitats e especies da Terra, a través de investigacións moleculares, filoxenéticas ou evolutivas, entre outras. Investigacións que determinan esa importancia actual das coleccións dos museos de Historia Natural na conservación e no coñecemento da biodiversidade, na súa definición e no valor da preservación destes exemplares para a investigación presente e, sobre todo, futura.

A exposición poderá visitarse ata o 12 de decembro de martes a sábado de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas e os domingos de 11:00 a 14:00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.11.2010.