Ir o contido principal

Os Coloquios internacionais en Compostela analizan a evolución histórica da peregrinación académica nos últimos sete séculos

Os XIII Coloquios en Compostela celebraranse este xoves 8 e o venres 9 co lema ‘De la peregrinato academica ao programa Erasmus (XIV-XXI)’, organizados pola Cátedra Unesco 226 sobre Migracións e dedicado á memoria de Antonio Eiras Roel. No Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, a sesión inaugural do encontro celebrarase este xoves ás 19.00 horas e continuará coa conferencia que impartirá Luis E. Rodríguez-San Pedro Bezares, da Universidade de Salamanca, titulada ‘Mobilidade estudantil e vítores de nacións na Monarquía Hispánica. A Salamanca clásica, século XVI-XVIII’.

O programa do venres 9 trasladarase ao Salón e Actos da Facultade de Filosofía, onde André de Oliveira Leitão, do Centro de História da Universidade de Lisboa, iniciará a xornada referíndose a partir das 9.30 horas sobre as rutas de peregrinato academica dos universitarios portugueses na Idade Media, entre os séculos XII e XV. Seguiranlle Fernando Taveira da Fonseca, da Universidade de Coimbra, co relatorio ‘Coimbra, unha universidade para o Imperio (XII-XIX)’ e Rafael Ramis Barceló, da Universitat de les Illes Balears, con ‘A peregrinato academica e a mobilidade estudantil na Coroa de Aragón (XV-XVIII).

A partir das 16.00 horas Pegerto Saavedra Fernández, da USC, reiniciará a xornada referíndose á mobilidade estudantil en Galicia entre 1750 e 1850, mentres que Enrique López Veloso, do Servizo de Relacións Exteriores da USC, aludirá á evolución da mobilidade internacional na USC entre finais do XX e as primeiras décadas do XXI. A quenda de intervencións rematará coa presenza de Daniel Malet Calvo, do Centro de Investigación e Estudos de Socioloxía do Instituto Universitário de Lisboa, falando de ‘Globalización e mobilidade estudantil nas cidades europeas: o caso do programa Erasmus’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2018.