Comeza en Compostela a entrega de bicicletas do programa de préstamo da USC
Por quinto ano consecutivo, a USC volve poñer en marcha o Programa de Préstamos de Bicicletas da USC, permitindo que 300 membros da comunidade universitaria dispoñan dunha bicicleta durante os meses que dura a campaña, sempre que se comprometan a utilizala correctamente e devolvela en perfecto estado de uso. Xestionado pola Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible. A Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade, entregará as primeiras bicicletas no campus de Santiago este xoves 25 en horario de 11:00 a 14:00 no Almacén da USC. No Campus de Lugo as bicicletas repartiranse o vindeiro luns 29, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 na Facultade de Veterinaria. O calendario completo de entrega pode consultarse na web da Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible, onde tamén se pode consultar a listaxe de persoas que resultaron seleccionadas para participar no Programa así como a listaxe de agarda. O programa de préstamos permite fomentar o uso da bicicleta á vez que estudar a evolución no uso deste medio de transporte no entorno das cidades de Santiago e Lugo. Na actual convocatoria recibíronse 424 solicitudes de participación, das cales un 84% corresponden a estudantes, un 6% a persoal docente e investigador e un 5% a persoal de administración e servizos. Respecto aos centros docentes máis activos, a Escola Politécnica Superior subscribiu 43 solicitudes de participación, seguida pola Facultade de Veterinaria con 39 e pola Facultade de Medicina e Odontoloxía, con 35 solicitudes. Ademais de pór a disposición da comunidade universitaria as bicicletas en préstamo, tamén se facilitan descontos na merca de bicicletas e material complementario. O Programa de Préstamo de Bicicletas enmárcase nas iniciativas postas en marcha pola Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC centradas en promover a mobilidade sostible. Trátase de potenciar o uso de medios de transporte que permitan reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera á vez que se fomenta un ambiente máis saudable e cómodo no entorno dos campus universitarios.