Ir o contido principal

Comeza en Lugo un curso pioneiro sobre conservación da fauna silvestre

O segundo ‘Curso de Veterinaria en Fauna Silvestre. Recuperación de Especies Mariñas e Terrestres’, organizado polo Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da USC e a Sociedade Galega de Especialistas en Veterinaria de Fauna Salvaxe (VEFAS), comeza este venres 19 ás 16:00 horas na Facultade de Veterinaria de Lugo coa participación de máis de trescentas persoas, principalmente estudantes e titulados en Veterinaria, Bioloxía ou nas Enxeñarías Forestal e Agrónoma.
Neste curso pioneiro, que se desenvolverá os días 19, 20 e 21, unha vintena de profesionais veterinarios impartirán relatorios sobre aspectos relacionados coa conservación da fauna silvestre, un contido que non se imparte en ningunha outra facultade española. Entre outros temas abordarase a situación do lobo, do corzo e da cabra montesa en España, os métodos de exploración en mamíferos mariños, as intoxicacións e envelenamentos da fauna salvaxe ou a tecnoloxía da reprodución aplicada á conservación das especies silvestres.
O obxectivo destas sesións é dotar aos asistentes de coñecementos sobre o papel dos profesionais na conservación das especies salvaxes co fin de ampliar o seu abano de posibilidades á hora de buscar emprego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2010.