Comezan os horarios extraordinarios de bibliotecas co gallo dos exames do segundo semestre e segunda oportunidade
A Universidade de Santiago abre o calendario de horarios extraordinarios de apertura de bibliotecas, de luns a domingo polos exames do segundo semestre e segunda oportunidade. As primeiras en estender o seu horario serán as bibliotecas Concepción Arenal (952 prazas) e Intercentros de Lugo (938 prazas), que este luns 22 de abril e ata o 9 de xuño abrirán de 8.30 a 00.00 horas e xa do 10 ao 30 de xuño permanecerán abertas de 9 a 22.00 horas.
Por facultades, no Campus Norte a biblioteca da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (358 prazas ampliables) abrirá entre as 8.30 e as 22.00 horas do 29 de abril ao 9 de xuño.
Xa no Campus Sur, a Sala de Lectura de Dereito (700 prazas ampliables) estenderá o seu horario de 8.30 a 3.00 horas nos períodos do 29 de abril ao 14 de maio e do 6 ao 9 de xuño. Do 15 de maio ao 5 de xuño permanecerá aberta as 24 horas.
Como novidade, este curso amplía tamén os seus horarios de apertura a biblioteca da Facultade de Bioloxía (289 prazas), que abrirá as súas portas de 8.30 a 22.00 horas do 17 de maio ao 2 de xuño.