Comezou unha nova edición dos cursos de verán de lingua e cultura galegas
Alumnado e profesorado universitario interesados na lingua, literatura e cultura galegas e pertencentes a centros galegos das universidades de fóra de Galicia son os principais destinatarios da vixésimo oitava edición dos cursos de verán de lingua e cultura galegas que organizan a Real Academia Galega e a Secretaria Xeral de Política Lingüística coa colaboración do Instituto da Lingua Galega. A programación de 2015 botou a andar coa sesión inaugural celebrada este xoves na Facultade de Filosofía baixo o lema ‘Galego sen fronteiras’. Interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o director do Instituto da Lingua Galega, Ernesto González Seoane; e o director dos cursos Henrique Monteagudo. Os cursos estenderanse ata o próximo 24 de xullo organizados en tres niveis. Nos dous primeiros, inicial e medio, o programa consta de clases de comprensión e expresión escrita e oral. Xa no superior, dedicado á lingua e literaturas galegas, organizaranse varios seminarios que trataran sobre problemas de lingüística galega, textos e autores da literatura galega contemporánea, formación e historia social da lingua galega ou sobre variación e cambio lingüístico no galego actual. En paralelo están programadas actividades de ampliación cultural, fundamentalmente conferencias sobre literatura, historia e outros eidos da realidade sociocultural de Galicia, así como proxeccións de películas e documentais. Como se puxo de manifesto no acto inaugural, este cursos teñen contribuído de forma significativa a que lingua e literatura galegas teñan presenza en numerosas universidades no sé de Europa, senón tamén de América, Asia e Australia e serviron de impulso ao fomento do estudo e a investigación sobre a cultura galega en todo o mundo. A programación estenderase ata o 24 de xullo (Foto: SERVIMAV-USC)