Comezou en Filosofía o Seminario Internacional en homenaxe á profesora Esperanza Guisán
Un grupo de profesores das universidades da Coruña, Rutgers (USA), Autónoma e Complutense de Madrid, así como da USC, organizan este martes 21 e o mércores 22 na Facultade de Filosofía compostelá o seminario internacional ‘Razón e paixóns no utilitarismo. Vinte anos de estudos utilitaristas iberoamericanos’ co que renden homenaxe á profesora da USC Esperanza Guisán, co gallo da súa inminente xubilación. A inauguración oficial do encontro presidiuna este martes 21 o reitor Juan Casares. O título do encontro fai unha dobre referencia, por unha banda a relativa ao tema central de toda a obra da homenaxeada como é o papel da razón e das paixóns no comportamento humano visto dende o utilitarismo; e por outra, aos vinte anos de colaboración académica e científica de Esperanza Guisán cun amplo número de investigadores españois, iberoamericanos e internacionais. O seminario conta coa colaboración do Ministerio de Ciencia e Innovación, do grupo de investigación da Coruña ‘A Herdanza da Ilustración’, da Sociedade Iberoamericana de Estudos Utilitaristas (SIEU) e a European Network of Utilitarian Scholars. Ademais, no desenvolvemento do programa participan algúns dos máis relevantes pensadores actuais da escena nacional e internacional, entre os que se atopan Pedro Schwartz, Javier Muguerza, Victoria Camps, José Montoya, James Griffin, Fred Rosen, José de Sousa e Britto, Edgard Roy Ramírez ou Carlos Mellizo. Xunto ás conferencias plenarias, se impartirán tamén unha ducia de comunicacións especializadas arredor das que teñen sido ás áreas de traballo tradicionais da profesora Guisán durante máis de dúas décadas, a ética e a filosofía política en xeral e, de xeito particular, arredor da tradición utilitarista clásica e a súa proxección sobre os problemas do mundo contemporáneo. Esta longa traxectoria de máis de 30 anos de dedicación académica e investigadora deu lugar nos anos 90 á conformación dun amplo e moi activo grupo de ámbito iberoamericano centrado no estudo do utilitarismo clásico e contemporáneo e as súas aplicacións, na actualidade agrupado arredor da revista Τέλος e a Sociedade Iberoamericana de Estudos Utilitaristas. Aínda que o núcleo principal do encontro o constitúen as conferencias maxistrais de prestixiosos investigadores de universidades españolas, iberoamericanas e anglosaxonas, a organización reservou dúas sesións de comunicacións para a participación de novos investigadores especializados ou en vías de especialización nos campos xerais da Ética, a Filosofía política, a Filosofía do dereito ou a Teoría económica, e máis especificamente nas achegas do Utilitarismo clásico e contemporáneo nestes eidos. Esperanza Guisán Esperanza Guisán é autora dun inxente volume de publicacións, entre elas, o seu exitoso Manifiesto Hedonista, así como os seus comprometidos e polémicos Más allá de la democracia, La ética mira a la izquierda ou a súa recentemente reeditada Ética sin Religión, sen esquecer o seu modélico libro de referencia Introducción a la Ética, así como a súa recente monografía Una ética de libertad y solidaridad: John Stuart Mill.
Xunto a estas obras, Esperanza Guisán produciu tamén un amplísimo número de artigos para revistas científicas nacionais e internacionais, incluíndo tamén continuas colaboracións cos medios de comunicación. Para acadar máis información sobre o encontro, as persoas interesadas deberán consultar a páxina web do congreso.