Compostela acollerá a edición 2023 do Congreso de Aliñadores e Novas Tecnoloxías
Santiago de Compostela será a sede da edición 2023 do Congreso de Aliñadores e Novas Tecnoloxías. Así o comunicou o profesor da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, Juan Carlos Pérez Varela, tamén presidente da Sociedade Española de Ortodoncia e Ortopedia Dentofacial. “Queremos ser o congreso internacional de aliñadores de referencia en todo o mundo”, dixo.
A primeira edición deste foro acaba de celebrarse en Valencia e contou coa asistencia de ortodoncistas procedentes non só de España, senón tamén “de México, Chile, Arxentina, Alemaña e outras moitas procedencias”.
“Cremos que tanto Galicia como Santiago reúnen todos os requisitos xeográficos, loxísticos, de aloxamento, gastronómicos e de todo tipo”, sinalou o odontólogo, engadindo que se trata do mellor escenario debido ás súas “instalacións de primeiro nivel, dotadas de todos os avances tecnolóxicos necesarios para garantir a comodidade de relatoras e asistentes, así como a boa marcha do ambicioso programa que xa se comeza a esbozar”.