Comprometidos coa xenerosidade
Os universitarios de Santiago e Lugo realizaron o pasado curso académico un total de 3.196 doazóns de sangue, achegando preto da metade das 7.095 rexistradas en 2009-2010 nos Campus galegos. Atendendo ao volume total recollido, o xesto solidario dos universitarios galegos representa unha taxa de 101 doazóns por cada 1.000 alumnos e ano, practicamente duplicando as recomendacións da OMS. Estes valores alcanzan unha maior magnitude en Lugo, sendo o campus galego que rexistra a maior taxa de doazón, 135 por cada 1.000 alumnos. Na cidade da muralla, a Escola Politécnica Superior sitúase como un dos centros de maior participación de Galicia con 362 doazóns. Neste mesmo capítulo, a de Medicina é a Facultade galega con maior sensibilidade cara esta campaña, xa que os estudantes do centro realizaron en 2009-2010 preto de medio millar de doazóns. Nova Campaña O Centro de Transfusión de Galicia (CTG) está a comezar no presente mes a primeira fase dunha nova campaña que se vai estender ata o mes de decembro. Haberá unha segunda, de marzo a maio de 2011. O Centro fai un chamamento á participación da comunidade universitaria para que nesta nova quenda manteñan a importante contribución que ano tras ano realiza nun xesto de xenerosidade sen precedentes. Tal e como subliñan dende o CTG, a doazón é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para que moitas persoas poidan solucionar determinados doenzas, ou mesmo salvar a vida. Os homes poden doar un máximo de 4 veces ao ano e as mulleres 3, deixando pasar entre cada doazón un mínimo de 2 meses. A extracción faise nun período de tempo de entre 5 e 7 minutos, empregando material estéril e dun só uso, polo que é imposible contraer enfermidades transmisibles polo sangue. O volume de sangue, 450 ml, recupérase nas dúas horas posteriores á doazón. Os principais indicadores da última campaña desenvolvida polo Centro de Transfusión de Galicia en 2009-2010 pódese consultar na web.