Ir o contido principal

Concerto de piano e violoncello no Paraninfo da Universidade

Cartel do concerto
Cartel do concerto
Iago Domínguez e Javier López Jorge interpretarán pezas de Edward Elgar e Sergéi Prokofiev

Obras de Edward Elgar e Sergéi Prokofiev conforman o programa do concerto que ofrecerán o luns 30 de xullo Iago Domínguez (violoncello) e Javier López Jorge (piano) no Paraninfo da Universidade a partir das 20.00 horas. Do primeiro dos autores no concerto executaranse unha redución para violonchelo e piano do concerto para orquestra Op. 85, mentres que de Prokofiev será a sinfonía concertante para violonchelo e orquestra Op. 125.

Iago Domínguez
Iago Domínguez (Santiago, 1995) comezou os seus estudos de música aos cinco anos no Conservatorio Profesional de Música de Santiago. Posteriormente estuda durante sete anos con Bárbara Switalska, chelista da Real Filharmonía de Galicia. En 2014 é admitido na prestixiosa Hochschule für Musik Basel para cursar os seus estudos superiores baixo a dirección de Ivan Monighetti e Sol Gabetta, onde o ano pasado finalizou os seus estudos de grado con a mellor cualificación posible.

Recibiu fortes influencias de chelistas como Bárbara Switalska, Ivan Monighetti, Sol Gabetta, Asier Polo, Johannes Moser, Nicolas Altsaedt, Jerome Pernoó, Daniel Müller-Schott e Lluis Claret. No ámbito camerístico tamén recibiu clases de Felix Renggli, Anton Kernjak, Claudio Martínez Mehner, Sergio Azzollini e dos membros do cuarteto Emerson. A súa breve traxectoria xa o levou a tocar en numerosas ocasións en países como Suíza, Rusia, Croacia ou Holanda e a compartir escenarios con artistas como Mischa Maisky, Ivan Monighetti, Sol Gabetta, Frans Helmerson ou Arto Noras.

Dende hai menos dun ano toca un violonchelo italiano de 1925 do lutier Gaetano Sgarabotto, cedido xenerosamente por unha fundación privada de Suíza.

Javier López Jorge
Javier López Jorge (Santiago, 1988) comezou os seus estudos de piano aos 8 anos, graduándose no Conservatorio Superior de Música de Salamanca con matrícula de honra en 2010 baixo a tutela de Patrín García-Barredo e Miriam Gómez-Morán. A súa actividade concertística comeza en 2000 con actuacións en diversos puntos de Galicia, Madrid, Salamanca, Medina do Campo ou Segovia, entre outras localizacións. Obtivo diversos premios como o do Concurso Internacional de Piano Donostia Hiria (2001), do Concurso de Piano ASGAIM ou o do Joan Chissel Robert Schumann Lied Competition, nestes dous últimos primeiro premio.

Recentemente interpretou como pianista solista coa orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais e baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave o concerto no. 12 Kv. 414 en La M de Mozart, realizando varios concertos en Galicia. Entre 2010 e 2012 estudou un mestrado en Interpretación pianística no Royal College of Music de Londres baixo a tutela do pianista e pedagogo Andrew Ball. Neses anos e ata a actualidade estebleceu un dúo co tenor británico William Morgan. En 2012 trasladouse a BUdapest (Hungría) para realizar estudos de posgrao. Durante estes anos realiza un intenso labor concertístico como solista e como músico de cámara. Especial mención merece o dúo que mantén dende 2013 co barítono húngaro Kornél Mikecz, co que actuou nas mellores salas de Budapest, así como en España e Reino Unido.

Dende 2014 estuda un doutoramento en interpretación na escola da Liszt Ferenc Academy of Music de Budapest. Actualmente estuda un segundo ano cos profesores András Kemenes, Péter Nagy, Marta Gulyas e Rita Wagner.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.07.2018.