Ir o contido principal

Unha conferencia en Lugo analiza a estratexia da paisaxe como base para a comprensión do territorio e o desenvolvemento sostible

A charla será impartida polo director xeral de Sostibilidade e Paisaxe da Xunta de Galicia e forma parte das actividades do máster en Xestión Sostible da Terra e do Territorio

O martes 13 ás 17.00 horas celébrase no edificio do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus de Lugo unha conferencia sobre estratexia da paisaxe, a cargo do director xeral de sostibilidade e Paisaxe da Xunta de Galicia, Manuel Borobio Sanchiz. Esta actividade enmárcase dentro do programa do máster en Xestión Sostible da Terra e do Territorio que se imparte no Campus de Lugo, aínda que a entrada será libre para todos os interesados. Manuel Borobio, que tamén é director do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, centrará a súa intervención en explicar o nacemento do concepto ‘estratexia da paisaxe’, o estado actual no que se atopan as accións desenvolvidas neste ámbito e as perspectivas de cara ao futuro. En palabras de Borobio, “esta estratexia considera que a paisaxe proporciona o marco idóneo para abordar a comprensión e a análise do territorio, así como das políticas de desenvolvemento sostible”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2012.