Ir o contido principal

O I Congreso de Docencia Veterinaria (VetDoc) cita este venres no campus lugués investigadores de dez universidades españolas

A doutora Wendela Wapenaar ofrece este venres, a partir das 10.30 horas, o relatorio de apertura das xornadas, que terán continuidade o sábado 6 de setembro

A Facultade de Veterinaria do campus de Lugo acubillará os días 5 e 6 de setembro a primeira edición do Congreso VetDoc de Docencia Veterinaria, un foro promovido pola Asociación Española de Veterinarios Docentes (VetDoc), que preside a profesora do Departamento de Patoloxía Animal da USC Cristina Castillo, e no que xa formalizaron a súa inscrición preto de 60 profesores e investigadores pertencentes a dez universidades españolas.

O decano da Facultade de Veterinaria de Lugo, Germán Santamarina, e a tamén profesora do centro universitario lugués e presidenta da Asociación Española de Veterinarios Docentes, inaugurará este venres, ás 10.00 horas, na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria, estas xornadas, a través das que os seus promotores pretenden contribuír á mellora da calidade da aprendizaxe e da formación dos futuros graduados en Veterinaria. O alcalde de Lugo, José López Orozco; a delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, e o deputado provincial delegado da área de Asistencia e Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos Ramos, tamén participarán no acto inaugural destas xornadas, no marco das que se presentarán preto de medio centenar de traballos e propostas desenvolvidas por docentes e investigadores de toda España. As dúas leccións maxistral incluídas no programa deste congreso serán impartidas pola Profesora de medicina de grandes animais e epidemioloxía na facultade de Veterinaria da Universidade de Nottingham, a doutora Wendela Wapenaar, cuxa intervención se desenvolverá este venres, a partir das 10.30 horas, e polo doutor e profesor da USC Miguel Ángel Zabalza Beraza, quen disertará o sábado, a partir das 15.30 horas, sobre as expectativas que a sociedade ten depositadas no profesorado universitario. As distintas sesións de traballo programadas no marco deste congreso permitirán aos participantes analizar e debater cuestións relacionadas coas metodoloxías docentes, as ligazóns entre a docencia veterinaria e a sociedade, métodos de avaliación e formación dos docentes, a adaptación dos estudos de Veterinaria ao Espazo Europeo de Educación Superior e o actual título de grao, o uso das TIC na docencia e as prácticas externas. A celebración deste congreso de docencia veterinaria servirá asemade como sede da primeira asemblea xeral dos socios integrados na Asociación Española de Veterinarios Docentes, unha sesión que se desenvolverá este venres, a partir das 18.00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2014.