Ir o contido principal

Continúa aberto o prazo de inscrición para os cursos da Área de Cultura do Campus de Lugo dirixidos a toda a cidadanía

A USC pretende, a través dos cursos de formación en diversas disciplinas relacionadas coa cultura e as artes, que tanto os estudantes como a sociedade en xeral atopen un espazo para as súas inquedanzas. Con esta finalidade, o Campus de Lugo mantén aberto o prazo de matrícula dos cursos impulsados pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade ata a cobertura da totalidade das prazas. A programación estrutúrase dentro de catro apartados que se corresponden cos espazos artísticos consolidados a partir das aulas de formación, como son o Espazo de Danza Universitaria, o de Creación Musical, o Fotográfico e a Aula de Teatro. A actividade concentrada neles foi incorporando aspectos como a experimentación, a creación ou a produción e distribución de produtos culturais a súa programación cotiá. Espazo de Danza O espazo de danza oferta en Lugo un curso de danza contemporánea; cursos vinculados aos bailes de salón na modalidade dos ritmos latinos con leccións de salsa, bachata e merengue; ensinanzas nos estilos hip-hop e brakedance e unha iniciativa de formación en I+D+i aplicada ás artes e novas tecnoloxías. Esta última consiste na realización de dous espectáculos e dúas Máster Class a través de videoconferencia centradas en proxectos telemáticos e de creación intercultural. A configuración e consolidación da Compañía de Danza da USC no Campus de Lugo, dirixida por Juan Carlos Zahera, é outra das actividades asociadas ao curso de danza contemporánea. Espazo de Teatro As diferentes actividades teatrais están dirixidas á sociedade en xeral e á comunidade universitaria impulsando cursos coma o obradoiro de arte dramática, que ten como finalidade dotar ao alumno das ferramentas básicas para a creación teatral, a interpretación e a posta en escena. Ao remate deste taller haberá varias opcións para darlle continuidade ao aprendido formando parte da Compañía de Teatro da USC para crear un espectáculo teatral, creando grupos independentes cun titor de apoio ou asistindo a cursos de formación máis especializada en improvisación ou introdución á Comedia Dell’Arte. Alberte Cabarcos é o responsable da coordinación de todas as actividades relacionadas co teatro. Espazo Música O Grupo de Creación Musical dirixido por Inmaculada Cárdenas dedicará este ano o seu traballo á temática ‘Música e Cidade’ despois de 12 anos de investigación e composición, contando con Llorenç Barber e programando monográficos a cargo de profesionais como Mónica Álvarez e Arturo Vaquero. O espazo de música tamén está aberto á colaboración con grupos autónomos, polo que as formacións musicais universitarias poden acudir á oficina de Cultura do Campus de Lugo para informarse. Espazo Fotográfico Este ano créase un único obradoiro anual co que se pretende asentar o grupo fotográfico da USC. A duración do taller permanente é de 100 horas e desenvólvese en dous módulos, un de fotografía dixital e outro de fotografía analóxica, que estarán coordinados por Eduardo Ochoa.

Para formalizar matrícula en calquera destas actividades, os interesados, membros da comunidade universitaria ou cidadanía en xeral, deben contactar coa Oficina de Cultura do Campus de Lugo. Este servizo atópase no edificio da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación, situada na Praza Pío XII.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.11.2010.