Ir o contido principal

Continúa na USC o primeiro Congreso Internacional sobre Fútbol e Psicoloxía

Co obxectivo de abrir canles entre a Universidade e o contorno do fútbol que faciliten a transferencia de coñecemento en ambas direccións, a USC organiza esta semana o Congreso Internacional sobre Fútbol e Psicoloxía dirixido a adestradores de fútbol, dirixentes de clubs, deportistas, psicólogos, preparadores e educadores físicos, xuíces deportivos, estudantes, profesores e investigadores, así como todo tipo de profesionais do ámbito futbolístico. O programa desenvólvese en base a relatorios, mesas redondas, pósteres e obradoiros prácticos cos últimos avances en técnicas de adestramento ou psicoloxía aplicada ao fútbol, con especial atención a cuestións relacionadas coa visualización, relaxación, selección de talentos ou desenvolvemento de habilidades psicolóxicas. Na tarde do martes tivo lugar unha mesa con futbolistas na que Donato, ex xogador do Deportivo e do Atlético de Madrid, falou das dificultades de cambiar de país e outros como Óscar Martínez, tamén do Deportivo, explicou os problemas dos deportistas de "segunda liña", que “teñen que saír da súa casa a curta idade”. Destacaron ademais obradoiros como os de coaching dirixido por David Peris, psicólogo do Levante CF, e o de Ángel Vales, profesor da UDC, que disertou sobre a aplicación da psicología no adestramento.

A psicoloxía de equipos, a cohesión e liderado e as experiencias profesionais foron outros aspectos salientables das xornadas que ata o de agora leva este encontro científico que rematará o venres. Nas vindeiras xornadas, entre outros asuntos trataranse cuestión como o papel da psicoloxía nos clubs de alto rendemento, os factores emocionais na transición deportiva e o fomento da deportividade e prevención da violencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.07.2015.