Convocado o VII Premio Ignacio Ribas Marqués á Innovación e Divulgación Cientifico-Técnica
O Colexio Oficial de Químicos de Galicia convoca o VII Premio ‘ Ignacio Ribas Marqués’ á Innovación e Divulgación Científico Técnica, que leva o nome do que foi catedrático da USC durante máis de trinta anos e un dos científicos máis importantes da química española e internacional. Ao premio, cunha dotación económica de 600 euros, poderán presentarse traballos individuais ou de equipos onde polo menos un dos integrantes teña o título de Química. Os estudos deben ser de divulgación cientifico-técnica ou de aplicación práctica e marcado interese para Galicia. O prazo de presentación permanecerá aberto ata as 19:00 horas do 2 de novembro e o ditame do xurado coñecerase o día 16 dese mes. Ignacio Ribas As investigacións do profesor Ribas no campo da química das sustancias naturais tiveron unha grande sona internacional contribuíndo a que o nome da Galicia científica traspasase fronteiras e acadase un gran prestixio internacional. Moitos dos discípulos que se formaron na súa prestixiosa Escola Compostelá de Sustancias Naturais espalláronse por diversos países de todo o mundo chegando a ocupar importantes postos na industria e na vida académica.