Nova convocatoria dos premios á Introdución da perspectiva de xénero

As accións que inclúan a perspectiva de xénero na docencia e na investigación volven ter premio na USC. A Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, a través da Oficina de Igualdade de Xénero, convoca a sexta edición dos premios á Introdución da Perspectiva de Xénero, cuxo prazo rematará o 30 de setembro. A iniciativa –que responde ao II Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC– contempla dúas modalidades de participación dirixidas a membros e equipos do PDI da USC. Unha primeira para accións innovadoras con inclusión da perspectiva de xénero na docencia e outra que valora os traballos de investigación con perspectiva de xénero en calquera ámbito do coñecemento. Ambas as dúas modalidades refírense a experiencias desenvolvidas na USC nos últimos tres anos e para as que haberá un máximo de seis premios (tres para cada unha delas) que oscilan entre os 750 e os 300 euros.