Ir o contido principal

Crean novos sensores para a detección e o estudo da evolución tumoral

Imaxe dos novos biosensores activándose ao detectar unha baixa concentración de osíxeno en células (esquerda) e en modelos preclínicos da enfermidade (dereita) /. CiMUS.
Imaxe dos novos biosensores activándose ao detectar unha baixa concentración de osíxeno en células (esquerda) e en modelos preclínicos da enfermidade (dereita) /. CiMUS.
Unha colaboración entre tres centros de investigación de USC e UDC ofrece como resultado a creación de novos sensores que replican os mecanismos de supervivencia das células tumorais

Se a poboación dunha pequena cidade medrase de xeito rápido e desproporcionado, a consecuencia natural sería que os servizos básicos (como a auga, o saneamento ou mesmo os alimentos dispoñibles) non alcanzarían a cubrir as necesidades de tódolos seus habitantes.

Algo semellante ocorre cando as células tumorais penetran un tecido: a seu indesexada presenza provoca un incremento substancial no consumo de nutrientes e osíxeno, o que fai inabarcable a subministración desde os vasos sanguíneos a toda a poboación de células asentadas no tecido invadido. Malia todo, as células tumorais conseguen sobrevivir aproveitando certos mecanismos dos que dispón o organismo, grazas aos cales poden aumentar o número de vasos e obter así os nutrientes e o osíxeno que precisan.

A nivel científico-clínico, a posibilidade de detectar a activación destes mecanismos é de gran relevancia, xa que o seu coñecemento permite valorar o grao de agresividade dun determinado tumor. Nun estudo recente publicado na revista Scientific Reports, que edita o grupo ‘Nature’, un equipo integrado por científicos dos centros de investigación galegos CICA (Universidade da Coruña ), CiMUS e CiQUS (Universidade de Santiago de Compostela) conseguiu desenvolver sensores que reproducen o mecanismo que activan as células tumorais cando detectan baixos niveis de osíxeno.

Ou o que é o mesmo: os científicos forno quen de crear unha réplica do seu modus operandi á hora de inducir a formación de novos vasos sanguíneos, imprescindibles para a chegada de máis nutrientes e osíxeno ao tecido.

Os novos sensores están dotados da capacidade para activarse e emitir luz (é dicir, para «acenderse»), o que segundo os investigadores facilita «non só a detección do tumor, senón tamén estudar o seu comportamento».

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.06.2019.