Créase na Universidade de Santiago a Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora
A Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa Vicerreitoría de Relacións Institucionais, e a Fundación Bancaja veñen de crear a Cátedra Mocidade Emprendedora, orientada na institución compostelá ao emprendemento feminino, coa finalidade de fomentar o espírito e vocación empresarial apoiando as iniciativas emprendedoras e a xeración de novos proxectos empresariais dende a Universidade e a sociedade.
Para a constitución desta cátedra, que dirixirá a profesora do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade Loreto Fernández Fernández, este martes en San Xerome asinaron o correspondente convenio o reitor da Universidade, Senén Barro Ameneiro, e o director de zona de Bancaja, José Luis Otero.
A Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora, a primeira en Galicia destas características, servirá de marco para a realización de diversas actividades informativas e formativas e o desenvolvemento de programas e actividades relacionadas co estudo e o apoio á muller emprendedora e á creación de empresas. O obxectivo, segundo manifestou no acto o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, é o de “ser referente non só en Galicia e España senón tamén en Europa e Latinoamérica” no eido do emprendemento das mulleres. Neste senso pronunciouse o reitor compostelán, para quen a USC é xa “o referente do emprendemento universitario en España”.
Pola súa banda, a profesora Fernández explicou o propósito de, dende a Cátedra, axudar a corrixir os desequilibrios de xénero no ámbito do emprendemento así como na formación de base dos emprendedores universitarios. “Tendo en conta que case todos proceden das áreas técnicas e experimentais, tentaremos animar tamén aos universitarios das ciencias sociais” explicou.
Colaboración continuadaAmbas as dúas partes acordan deste xeito impulsar o desenvolvemento da muller emprendedora e a creación de empresas nas zonas de actuación de Bancaja así como colaborar en proxectos similares con outras Universidades coas que a entidade ten convenios.
Para o seguimento do convenio subscrito creouse unha comisión mixta que se encargará da aprobación anual do proxecto de actividades e da memoria, ademais de coordinar a posible coordinación de traballos. A comisión estará formada polo vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, o director da Cátedra, un representante de Bancaja e outro da Fundación.
22 Cátedras de BancajaNa súa liña de apoio aos mozos, Bancaja foi pioneira na creación dunha Cátedra para Mocidade Emprendedora en colaboración coa Universidade de Valencia en 2006. O obxectivo da entidade é chegar a crear unha rede de cátedras en convenio con distintas universidades por toda a xeografía española e poñer así ao servizo dos universitarios diversas ferramentas para incrementar a súa preparación e facilitar a incorporación ao mundo laboral autónomo.
Nestes momentos, Bancaja conta xa cun total de 22 Cátedras para Mocidade Emprendedora, así como axudas dirixidas a promover a creación de emprego e o Premio Bancaja Mocidade Emprendedora.