Os cursos de lingua e cultura españolas reúnen estudantes e docentes de preto de vinte países de todo o mundo

Os cursos de Lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros e de Formación de profesores de español como lingua estranxeira iniciaron a súa programación o luns, día 6, logo de acto de inauguración que presidiu o reitor Juan Viaño no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Organizados pola oficina de Cursos Internacionais da USC, nesta sesión inaugural interviñeron tamén o presidente da Real Academia Española, o catedrático da USC Darío Villanueva; a xerenta de Cursos Internacionais, Montserrat Rodríguez Conesa; e o director de Estudos Hispánicos de Bélxica, Jacques de Bruyne, quen impartirá a conferencia ‘Cervantes, home de armas e letras’. “O ensino do español forma parte da esencia desta universidade –indicou o reitor– como tamén a súa forte aposta pola internacionalización e a expansión do seu coñecemento a todos os recunchos do mundo”. Viaño apelou durante a súa intervención nesta sesión inaugural á condición de Santiago como meta do Camiño de Santiago, “unha das rutas culturais máis importantes e recoñecidas do planeta. Nas nosas aulas, amantes da cultura e do español estudan as orixes e particularidades do Camiño, ao tempo que viven a maxia desta experiencia única”. Na súa opinión “esta fórmula de aprendizaxe activo e vivencial, nunha contorna única de exquisita beleza converte estes cursos nun tesouro, tanto da aprendizaxe do español e a cultura, como de experiencia de vida”. Neste cursos participan alumnado procedente de universidades de Corea do Sur, Brasil, Estados Unidos, Canadá, Bangladesh, China, Tailandia, Xapón, Alemaña e Reino Unido, ademais de estudantes que a título individual acoden dende Arabia Saudí, Alxeria, Italia, Polonia, Francia, Suecia e Holanda. Cursos Internacionais organiza a través destas dúas accións formativas programas que comprenden clases de lingua para os estudantes e de didáctica e metodoloxía do ensino da lingua para o profesorado. Os programas inclúen seminarios de cultura que achegarán aos participantes diferentes diferentes aspectos da realidade de España e, particularmente, de Galicia. Partindo da consideración de que a experiencia cultural é unha parte fundamental da aprendizaxe lingüística, as sesións teóricas e de aula compleméntanse cun abano de actividades culturas como visitas guiadas á cidade e ao patrimonio histórico da USC, visionados de cine, conferencias, visitas a museos, aulas itinerantes e excursións. Así, ao longo de xullo desprazaranse ata a ría de Arousa, A Coruña ou Lugo e percorrerán un treito do Camiño de Santiago.