Ir o contido principal

Os Cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ comezarán o luns na Facultade de Filosofía con máis de 80 estudantes dunha vintena de países

O programa celebra este ano tres décadas achegando a lingua e a cultura galegas a persoas de fóra da comunidade

Máis de 80 estudantes procedentes dunha vintena de países iniciarán o luns 3 de xullo o programa dos cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ que coa colaboración do Instituto da Lingua Galega da USC, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña organiza a Real Academia Galega (RAG). Ata finais de mes a Facultade de Filosofía acollerá a alumnado procedente de Alemaña, Austria, Brasil, Reino Unido, Canadá, República Checa, Chile, Croacia, Cuba, Estados Unidos, Hungría, India, Italia, México, Polonia, Romanía, Portugal, Ucraína, Xapón e doutras autonomías do Estado español.

O acto inaugural celebrarase o luns 3 de xullo ás 12:30 horas na Facultade de Filosofía coas intervencións do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; da vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, María do Carme Silva Domínguez; do secretario da RAG e codirector dos Cursos, Henrique Monteagudo; do director do ILG, Ernesto González Seoane; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

As sesións desenvolveranse ata o 24 de xullo na Facultade de Filosofía e combinarán as clases teóricas e prácticas con obradoiros de música e baile e palestras impartidas por persoas do mundo da literatura, a música ou a arte dramática. Unha charla-concerto de Uxía Senlle e Sérgio Tannus, un espectáculo sobre Carlos Casares a cargo do actor Avelino González, outra charla-recital da poeta e académica electa Chus Pato ou un percorrido pola cultura na Rede da man do director de culturagalega.gal, Manuel Gago, son parte do programa que completa as aulas teóricas e prácticas de lingua e cultura.

Os participantes poderán tamén gozar dunha visita á Casa-Museo Rosalía de Castro, guiada por Anxo Angueira, que concluirá cunha conferencia da profesora Catherine Davies, directora do Instituto de Investigación en Linguas Modernas da Universidade de Londres.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.06.2017.