A curtametraxe ‘Recoprem 10 mg’ acumula en apenas medio ano diversos premios nacionais e interanacionais
‘Recoprem 10 mg’ é a denominación dun fármaco ficticio, pero tamén o cartel “dunha historia de ciencia ficción onde non todo é o que parece”, segundo explica o seu director Fernando Sánchez, produción que contou coa colaboración da USC e particularmente das Facultades de Medicina e Odontoloxía e de Ciencias da Comunicación. En apenas cinco meses de distribución a curtametraxe acumula xa dous premios, o primeiro do xurado no I Concurso de Curtametraxes ‘El Trovador’ de Pradejón (A Rioxa) e o recoñecemento como mellor curto do mes de agosto da web Filmin.es, ademais de ter sido seleccionada en festivais de diferentes comunidades autónomas como Cantabria, Cataluña, Galicia ou Madrid, así como de fóra de España no I Festival Internacional Cinematográfico de Toluca (México). Agora volve novamente ao país americano seleccionado polo III Rodando Film Festival de San Luis de Potosí, onde comparte cartel con curtametraxes españois como ‘8’ de Raúl Cerezo ou ‘El Cortejo’ de Marina Seresesky. ‘Recoprem 10 mg’ sitúa a Fran no ano 2015 tratando de superar a ruptura da súa relación sentimental con Lucia. Este é o motivo que o leva a someterse a un tratamento experimental cun novo fármaco, Recoprem 10mg, que provocará que lembre con máis forza a Lucia de xeito que se enfronte ao recordo e o supere en menos tempo. Non obstante, neste proceso aparece unha nova persoa, Paula. Rodada en Santiago e Torrelavega (Cantabria), a produción contou coa colaboración das facultades de Medicina e Odontoloxía –un dos seus laboratorios foi o escenario dunha importante secuencia da curta- e de Ciencias da Comunicación. Ademais do director, a cinta conta coa participación de alumnado da USC como Enrique Lojo (actor protagonista, ex alumno de Comunicación Audiovisual), Ramiro Peralta (produción executiva, alumno de Psicoloxía), Andrea Carleos (asistente técnica, ex alumna de Comunicación Audiovisual), Daniel Suárez (axudante de dirección e operador de cámara, alumno de Comunicación Audiovisual), Katia Rolán (actriz secundaria e son, ex alumna de Psicoloxía e Criminología), Héctor González (auxiliar, ex alumno de Psicoloxía) e Aitor González (Auxiliar, alumno de Psicoloxía).